A boina galega xa está de moda entre os mozos de Compostela

SANTIAGO

Bibiana Villaverde

Alumnos da Mestre Mateo e dun instituto de Vila de Cruces «customizan» este complemento

16 feb 2016 . Actualizado a las 16:35 h.

Boinas con plumas, pompóns, abelorios, bixutería... O que foi o complemento para abrigar a cabeza de miles de galegos que vivían no rural é agora un símbolo de moda e modernidade. Así o pensan os alumnos da Escola Mestre Mateo que se uniron a un proxecto posto en marcha polos dun instituto de Vila de Cruces. Modernízate: pon boina é unha iniciativa coa que se pretende actualizar os valores do galego e convertelo nun idioma para a xente máis nova, moderna, ben sexa rural ou urbana. Onte os alumnos dos dous centros fixeron de modelos improvisados na sede da escola en Santiago con traballos creados polos estudantes de xoiaría, que converteron as clásicas boinas en pezas únicas.

Neste proxecto participan alumnos de fotografía e xoiaría. Estes últimos encargáronse do deseño das gorras e os primeiros de fotografalas. En ambos casos os traballos forman parte da programación do curso, e de feito no caso das fotos faranse durante as dúas semanas vindeiras portadas de revistas imitando cabeceiras como Vogue ou Rolling Stones como parte dun traballo.

Os protagonistas destas portadas serán personaxes vinculados á cultura ou ás artes de Galicia, como a poeta María do Cebreiro; a artista de cestería contemporánea Idoia Cuesta; o músico Pedro Pascual; a cantante Mónica de Nut ou Davide Salvado. Todos posarán cunha destas gorras customizada, a excepción de Sandra Vilas, que elaborou a primeira boina galega do século XXI e evidentemente foi a primeira en posar cunha das súas creacións.

O obxectivo do proxecto é difundilo a través das redes sociais, explica Rosa Figueroa, unha das profesoras da Mestre Mateo coordinadora desta colaboración, e mesmo facer unha exposición con todas as fotografías de portada que se realicen ao longo destes días.

No caso do IES Camballón de Vila de Cruces, os impulsores desta idea son os membros do seu club da lingua, que pensaron que se as zocas se puxeron de moda e agora pisan con garbo sendo un símbolo de estilo e modernidade, por qué non as boinas, un elemento senlleiro dos galegos de hai décadas, e que pode volver a ser unha presenza fixa nas rúas compostelás.

Reportaxe campaña para fomentar a lingua propia de Galicia