«Este goberno está máis en facer oposición á oposición que na xestión»

r. martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Rubén Cela ve «certo vitimismo» de Composeta Aberta diante do labor da oposición<span lang= es-es >. </span>
Rubén Cela ve «certo vitimismo» de Composeta Aberta diante do labor da oposición. sandra alonso< / span>

Non está pechado a falar de pacto, pero «é algo que hoxe está máis frío»

27 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A nova corporación vén de cumprir cen días, unha etapa na que os nacionalistas, agora con dous edís logo de perder un nas eleccións, apreciaron máis xestos que feitos no goberno de Compostela Aberta (CA). E pese a coincidir con boa parte deses xestos, Rubén Cela entende que iso non abonda.

-No seu balance receitáballe humildade ao goberno.

-Humildade porque debe ser unha das directrices de calquera goberno. Implica saber que gobernas para unha maioría e que hai que tentar contar tamén coas minorías e ter capacidade de autocrítica, diálogo e de chegar a acordos. E unha das eivas que constatamos é que ten actuado en moitas ocasións como un goberno con maioría absoluta, e non a ten. Goberna en minoría, así o decidiron e é lexitimo e respectable, pero iso implica máis cintura, predisposición a pactar, ceder e ter perspectiva. E veuse que iso é claramente mellorable.

-¿Inexperiencia ou actitude?

-Creo que un pouco de todo, pero o da inexperiencia é o que menos me preocupa. Con vontade e traballo pódese aprender rápido se se quere. Que haxa un período de adaptación, que necesariamente van ser máis de cen días, non é problemático. Pero logo, sen un acordo que dea estabilidade á gobernabilidade, ten que gañala día a día e tema a tema, e iso implica non só falar, que o alcalde di que falan moito, senón sentar con predisposición a chegar a puntos de encontro.

-Están aí as ordenanzas fiscais e os orzamentos. ¿Van dar un pouco a medida das posibilidades de abrir espazos de consenso?

-Creo que si. Van ser un termómetro moi bo e moi elocuente porque isto non é potestativo, hai que aprobalos e vai haber que dialogar e consensuar. Houbo xa unha aproximación e agardo que teñan máis sensibilidade que o PP á petición do BNG de introducir modificacións fiscais diferentes para quen o pasa peor.

-¿Aínda que o BNG non lle resolve nada aritmeticamente a CA, houbo nova invitación para negociar un pacto estable?

-Non.

-CA dicía no anterior proceso que seguía aberta e poñía o prazo na negociación orzamentaria.

-Nós tampouco pechamos. É algo que hoxe está máis frío que hai uns meses, pero a decisión que tomou o BNG hai uns meses segue en pé, e era que ao principio de mandato non vimos que se deran as condicións mínimas para entrar nun goberno de coalición e que non había que tomar decisións dese calado de xeito apresurado e sen estar convencidos do que se fai. Nese sentido é positivo darse un tempo, pero sen pechar esas portas. Agora ademais hai varios procesos importantes tanto no Concello como na política galega en xeral e haberá que ir analizando como van evolucionando as cousas.

-¿Está afectando ás súas relacións ese pacto entre Anova, EU e Podemos e do que quedaría fóra o BNG?

-Non hai que adiantar acontecementos e non perdo a esperanza de que finalmente poida haber unha única candidatura galega. Sería unha irresponsabilidade que non fose así. Pero as diferenzas que podo ter eu, que son as diferenzas que ten o BNG con Noriega e con Anova no ámbito da política galega e estatal, son evidentes. Pero iso non ten que ser problema para o entendemento en cuestións concretas da xestión da cidade que serían positivas para todos.

-¿E como son as súas relacións?

-Creo que son correctas. Dende unha discrepancia forte a nivel de orientación política que é evidente creo que temos un trato correcto e mantemos unha relación persoal aceptable para o traballo que temos que desenvolver, eles dende o goberno e nós dende a oposición.

-¿Hai máis sintonía programática que persoal?

-Programática, no papel hai moita, e se cumpre maioritariamente cos compromisos que adquiriu coa cidadanía imos ter múltiples puntos de encontro. E no persoal é unha relación correcta.

-¿Está de perfil esta oposición, como di Noriega?

-Eu nunca en política me puxen de perfil para nada, e cando digo eu refírome ao BNG. Nós facemos as cousas de fronte, á cara, con propostas e alternativas e dispostos a falar, debater, dar leña cando hai que dala e remar cando hai que remar. De perfil, nós, non. Creo que é un pouco botar balóns fóra e o que si creo é que este goberno de momento está bastante máis centrado en facer oposición á oposición que en atender moitos dos aspectos da acción do goberno e da xestión diaria, e a xente non os votou para facer oposición á oposición senón para que gobernen para que Santiago colla outro ritmo e non volva perder outros catro anos.

-¿E por que estaría nese papel?

-Creo que hai unha parte de certo vitimismo, que non comparto: que a oposición pon paus na roda, que non colabora. Pero eles decidiron gobernar sós e se queren estabilidade que cheguen a acordo estable con outras forzas políticas. A nós non se nos pode acusar de non ser propositivos e de non ter predisposición. Pero tampouco me dou por aludido. Esta é unha oposición moi plural. Pero nós, de perfil, nunca.

-Dende esa pluralidade, coinciden co PP en ver confusión entre o institucional e o partidario.

-Unha cousa é ter ideoloxía e outra confundir o ámbito institucional co partidario. E en pouco tempo vivimos varios episodios, como a declaración de Zaragoza. O Concello non é o grupo de goberno, é a corporación, e sempre que se adheriu a algo foi a pleno. Esa confusión é perigosa e agardo que non se manteña. Crea unha distorsión importante. Hai que saber diferenciar.

rubén cela portavoz municipal do BNg

«Se CA cumpre cos seus compromisos coa cidadanía imos ter moitos puntos de encontro»

«Nós nunca estamos de perfil, facemos as cousas de fronte, á cara, e con propostas»