Escola de comediantes nos IES de Oleiros

SANTIAGO

A veterana Elia Galdo e o debutante Duarte Martínez, ambos de 15 anos, son dous dos alumnos que van subir ao escenario do auditorio de Mera para demostrar o seu talento como monologuistas na terceira edición de Oleiros Comedia

04 jun 2015 . Actualizado a las 18:25 h.

Elia Galdo ten 15 anos e estuda 4º de ESO no IES María Casares de Bastiagueiro, pero cando fala da súa afección artística parece unha profesional. «Síntome bastante cómoda coa comedia. Desde pequena quixen dedicarme ao espectáculo, sobre todo á música», di con esa veteranía que lle dá ser unha das gañadoras da segunda edición de Oleiros Comedia, un proxecto que desenvolve a Concellería de Ensino nos tres institutos de secundaria do municipio e que este mes celebrará a gala da súa terceira edición. Será o venres 5 no auditorio Gabriel García Márquez de Mera, ás 20.00 horas, e nela en torno a 20 alumnos do María Casares, o Miraflores de Oleiros e o Neira Vilas de Perillo van demostrar o seu talento como monologuistas, e farano ademais en galego.

A idea desta iniciativa é aproveitar o éxito que formatos como El club de la comedia para que a xente moza poña a proba a súa creatividade e a súa expresión oral en galego. «O obxectivo é que sexa unha ferramenta para que se sintan máis cómodos falando en público», explica o actor e director Ramiro Neira, que é un dos encargados de traballar os monólogos cos rapaces e quen destaca ademais que a seguridade que adquiren os participantes nesta actividade sírvelles para facer humor, pero lle será igual de útil á hora de presentar un proxecto de fin de carreira ou de someterse, por exemplo, a unha entrevista de traballo.

«Eu o estou enfocando para pasalo ben, pero axuda tamén a mellorar nese aspecto. A min sempre me gustou moito o do humor, pero son unha persoa tímida e ás veces cústame abrirme», conta outro dos participantes do proxecto, Duarte Martínez, tamén de 15 anos e que estuda 3º de ESO no María Casares. Este alumno participa por primeira vez nesta experiencia, que premia aos gañadores cunha praza gratis no campamento estival de teatro e, malia os «nervios», confía en superar con éxito a gala final, para o que conta coa axuda e experiencia da súa compañeira Elia.

«Ao principio sempre tes os típicos nervios porque falar diante de xente impón. Pensas que non se van rir, que non che van saír as palabras, pero ao final acaban ríndose con case nada e todo sae fluído. Desta vez estou tamén un pouco nerviosa, pero hai bastante diferenza co ano pasado», asegura esta monologuista, que igual que Duarte, prepara un texto sobre a temática de «Ter un corpo dez». Aos de 1º e 2º de ESO tócalle, pola súa banda, falar sobre ídolos xuvenís, e aos de bacharelato, sobre «Sexo, ¿por que non?».

Se unha pata fundamental do proxecto é adquirir desenvoltura falando en público a outra é facelo en galego, unha materia pendente para moita xente nova. «En galego cústame máis facelo e comigo si funciona porque na miña familia fálase castelán», conta Duarte, con quen concorda Elia, que recoñece que os mozos séntense normalmente máis cómodos falando en español.

Outro dos beneficios que está reportando a estes rapaces participar en Oleiros Comedia é a oportunidade de coñecer outra faceta dos seu compañeiros que, no contexto das clases, non se mostra con tanta facilidade. «Todos temos estilos moi diferentes e algúns son moi serios. Hai moita variedade de xente e ás veces descobres que algunha persoa é mais graciosa do que pensabas», conta Duarte. Aínda que se confesa con vocación científica, este mozo non tería problema en aceptar un traballo relacionado co humor ou o teatro. Máis claro aínda teno Elia: «Gústame facerlle graza á xente. Que puidese ser un oficio faríame bastante ilusión».