«Hai que potenciar un modelo de galego de boa calidade»

Defende nun libro un mellor uso público do idioma, segundo a súa tradición e falas populares, para garantir o seu futuro

Sánchez Rei afirma que o galego pode derivar por vías que supoñan a súa desaparición.
Sánchez Rei afirma que o galego pode derivar por vías que supoñan a súa desaparición.

«No uso público do galego non se deben utilizar palabras como cuchara, cando existe a autóctona culler; ou bueno, cando se pode empregar ben ou bo ou de acordo», afirma Xosé Manuel Sánchez Rei, profesor de Filoloxía Galega da Universidade da Coruña. Onte presentou na libraría Pedreira o libro Modelos de lingua e compromiso, con Goretti Sanmartín e Xosé Ramón Freixeiro, tamén coautores do volume.

-¿Que obxectivo ten este libro?

-Defendemos que hai que potenciar un modelo de galego de boa calidade, para que sobreviva.

-¿Que é «boa calidade»?

-Que non utilice castelanismos, formas híbridas ou barbarismos que non se necesitan, porque hai outras na lingua mais apropiadas, asentadas na tradición galego-portuguesa, nas falas das xentes do campo e do mar, ou nas propostas cultas.

-¿Pode destacar algún exemplo que se mereza recuperar?

-Por exemplo, o infinitivo conxugado: hai persoas de idades avanzadas que o usan moi ben, e propomos que se empregue sobre todo cando é obrigatorio. Ou o futuro do conxuntivo. Ou colocar ben o pronome: frases como o traballo hai que o facer ben non se escoitan, cando son lexítimas, e son substituídas por outras que se calcan do castelán.

-¿Onde é máis urxente intervir?

-No uso público, sen dúbida. Autoridades, cargos académicos, xornalistas de medios públicos, docentes de universidades e do ensino non universitario, son algúns dos colectivos que deben coidar a lingua no uso público, para garantir o seu futuro.

-¿Teme polo futuro?

-O galego pode derivar nunha especie de español folclórico ou con algunhas pinceladas exóticas; ou ser directamente substituído polo español. Calquera desas vías supoñen que desapareza.

-¿Como é o contido do libro?

-Somos cinco autores: Freixeiro Mato fala da calidade da lingua oral e da sobrevivencia do galego; Laura Tato, das Irmandades da Fala, que defendían un galego digno no teatro; Manuel Ferreiro salienta o exemplo de Pondal; Goretti Sanmartín, as posibilidades da literatura; e eu, como no século XIX, e até 1936, houbo folcloristas, gramáticos e intelectuais que xa insistían nun modelo público de galego de calidade.

xosé manuel sánchez rei profesor da universidade da coruña

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

«Hai que potenciar un modelo de galego de boa calidade»