Santiago Cortegoso gaña o Álvaro Cunqueiro coa obra «Raclette»

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO

SANTIAGO

O premio Manuel María de literatura dramática infantil foi para Antón Cortizas con «Xogando con gatos»

10 nov 2014 . Actualizado a las 14:00 h.

O director teatral e dramaturgo Roberto Salgueiro foi o encargado de dar a coñecer os nomes dos catro gañadores dos premios de literatura dramática da Agadic. Santiago Cortegoso, coa obra Raclette, gañou a edición número XXII do Álvaro Cunqueiro, o galardón máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes da dramaturxia escrita en galego. O premio Manuel María de literatura infantil dramática foi para Antón Cortizas por Xogando con gatos, mentres que o Barriga Verde para textos de teatro de monicreques recaeu en Andrea Bayer, coa peza O lobo e a lúa na categoría de rapaces; e para Ela, piedade dos suicidas, de Xavier Lama, en modalidade de adultos.

Estes recoñécementos, cunha dotación económica de seis mil euros para cada unha, pretenden incentivar a escrita teatral en Galicia «como xeito de enriquecer os escenarios con montaxes producidas a partir de propostas textuais galegas, orixinais e contemporáneas», explicou o director da Agadic, Jacobo Sutil.