Melide reivindica ao seu Castelao

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

SANTIAGO

A galería melidense custodia boa parte do legado de Nilo Cea, como as tallas en madeira.
A galería melidense custodia boa parte do legado de Nilo Cea, como as tallas en madeira. noguerol< / span>

O museo facilitou a obra do polifacético Nilo Cea á Real Academia Galega

05 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi mestre de profesión e artista de vocación: escritor, debuxante e tallista. Polifacético como Castelao. E a súa obra, que tamén recorda á do intelectual galeguista, espertou o interese da Real Academia Galega, institución á que se dirixiu por escrito o persoal do Museo Terra de Melide para reivindicar a figura dun melidense ilustre sen recoñecer: Nilo Cea Rodríguez (1911-1992). «Para min, é o Castelao de Melide; aínda que a súa obra non é moi extensa, a calidade e expresividade da súa talla e debuxos e o bo relato e descricións dos seus contos costumistas, onde se ve reflectido o mundo rural galego, así o testemuñan», afirma Xosé Manuel Broz, director da galería da comarca melidá

Nunha das salas do museo etnográfico descansa «case todo o seu legado». Tallas e esculturas de madeira, bocexos, caricaturas, e os orixinais da súa obra literaria inédita: contos ilustrados de corte costumista, poemas e historias noveladas. Todo foi doado pola súa viúva, Matilde Sánchez, «que considerou que o museo era o lugar axeitado para gardar a súa memoria». Agora tamén un tomo coa súa obra pode atoparse na biblioteca da Real Academia Galega, tal e como comunicou o seu presidente, Xesús Alonso Montero, na reposta que dirixiu ao director do Museo de Melide. «Saiban que esta institución fará o que estea na súa man para espallar un legado literario tan interesante», escribiu Alonso Montero, quen se amosou «entusiasmado» cun labor que, entende, «é de xustiza valorar e espallar».

Unha copia coa obra de Nilo Cea tamén se lle enviou ao Consello da Cultura Galega. E do seu presidente, Ramón Villares, tamén tivo Broz resposta. «Certamente merece estar no panteón de tantos ilustres melidaos como esa vila ten achegado á cultura galega», lese na misiva de Villares. O director da galería etnográfica da comarca de Melide teima na idea de que Nilo Cea «é digno de recuperar para a memoria da cultura galega; de xustiza que se lle recoñeza como un personaxe senlleiro vinculado á xeración Nós». De feito, segundo contan Xurxo Broz e Cristina Vázquez, colaborador e traballadora do museo, o mestre e artista melidense mantiña contacto por carta coa corrente da que formaron parte intelectuais como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas ou Castelao. Nilo Cea «era admirador e seguidor de toda a colección narrativa dese colectivo», apuntan para explicar que así se entenderían as influencias que poden verse na súa obra.

A recuperación e posta en valor da súa figura servirá para non caer en erros como os que Broz sitúa no pasado. Corría o ano 1972. «Teño un mal recordo de cando me tocou desmontar a escola na que Nilo Cea exerceu como mestre -conta-. Mandáronme depositar os materiais nun almacén, no que moitos se estragaron e os menos recuperámolos e están hoxe expostos no museo». Pese a que se puideron salvar algunhas pezas, para Xosé Manuel Broz «foi unha mágoa a desfeita porque hoxe aquela escola de Furelos sería un excelente museo pedagóxico».