Señor Feijoo, reaccione ante a fame infantil

Pilar Candocia

SANTIAGO

26 jun 2014 . Actualizado a las 14:18 h.

Señor Núñez Fejoo: Cáritas, Unicef, Save the Children, a Defensora del Pueblo... non parecen uns alarmistas antisistema, son entidades conscientes da pobreza infantil que poñen á sociedade en frente dun problema grave. Non miran para outro lado, e denuncian como están vivindo a crise os/as máis débiles, por moi delicado e vergonzante que sexa. Dá igual de que cifras falemos, as oficiais de Eurostat sinalan un 33,8% de nenos/as viven en risco de pobreza ou exclusión social, un de cada tres.

No último mes deuse o debate arredor da apertura comedores escolares durante as vacacións como forma de afrontar o problema extremo da malnutrición infantil. Eu teño claro que prioritario é comer todos os días, non podemos consentir que a fame volva asentar no noso entorno. Sei que non é a solución completa e comprendo a preocupación polo posible estigma para as familias, pero dígame señor Feijoo hai algo que estigmatice máis que pasar fame e non comer? Con todo, conscientes de que marcar non é bo Ames Novo formulou unha alternativa que combinase loita contra a malnutrición e integración social e atención dos menores en época estival. A nosa proposta vai máis alá da alimentación, nós entendemos que os poderes públicos teñen a obriga de atender o benestar físico e psicolóxico dos menores. A ninguén se nos escapa que nun fogar onde non comen as crianzas a situación familiar será de inestabilidade o que pode provocar a desatención dos e das menores, por iso incorporalos nun programa lúdico axuda tamén a integralos nun entorno de estabilidade.

Hai 10 anos tocoume impulsar, como responsable política, a instauración do sistema servizos de conciliación moi apreciados polas familias. Estes servizos sempre conxugaron os obxectivos da conciliación da vida laboral e familiar, os educativos e a inclusión social. Se incorporamos ás nenas e nenos en situación vulnerable a estes servizos durante as vacacións garantimos unha comida adecuada ao día e que ninguén coñeza o motivo polo que participan. A nosa proposta implica tamén a quen mellor poden identificar do problema en Ames: servizos sociais, as direccións dos centros, as ANPA e Cáritas.

Parece sinxelo, señor presidente, razoable, factible, aproveitando os recursos existentes e contando coa colaboración de quen coñece o problema de forma directa. Pois ben, Ames Novo trasladou unha proposta completa ao goberno de Santiago Amor o día que o Parlamento galego fixo unha resolución «para evitar que ningún neno ou nena careza de alimentación» e onde se anunciaban «convenios cos concellos interesados, podéndose usar as instalacións dos centros educativos». Hoxe continuamos esperando resposta, o problema continúa e o curso xa rematou. Señor presidente, o alcalde que vostede mantén en Ames non o quere entender, se de verdade lle importa a fame infantil: reaccione!

Pilar Candocia Pita, portavoz de Ames Novo