Unha «barferencia» polo Día das Letras, primeiro acto de Afonso Eanes

Emilio Forján / Negreira

SANTIAGO

20 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A refundada asociación cultural Afonso Eanes celebrou a festividade das Letras Galegas cunha «barferencia», un encontro a modo de recital poético e musicado, onde houbo tempo para a lectura dalgúns poemas do homenaxeado Xosé María Díaz Castro e doutros poetas. Este foi o seu primeiro acto público trala constitución da nova xunta directiva que encabeza Guillermo Vidal, e levouse a cabo na cervecería A Esmorga, incluíndo a elaboración dunha queimada co seu conxuro como peche desta actividade.

Dende Afonso Eanes agardan que a este tipo de iniciativas culturais «se vaian sumando cada vez máis veciños, e seguiremos programando actividades que pouco a pouco fagan que a entidade cultural vaia collendo forza», segundo apuntaron. De feito, a vicepresidenta, Olalla Liñares, salientou que teñen en mente levar a cabo actividades para a posta en valor do patrimonio material e inmaterial da comarca de Barcala «ou mesmo roteiros e iniciativas ecolóxicas como a limpeza dos nosos ríos», sinalou.

Premios de pintura e contos

Por outra banda, Negreira entregou os premios da novena edición dos certámes de pintura e contos infantís co gallo das Letras Galegas, grazas ao patrocinio da Fundación Feiraco. No acto participaron o alcalde, Juan Rey Maceira, e mailo concelleiro de Cultura, Luís Calviño. No apartado de pintura, de 6 a 12 anos, os gañadores foron Irene Vidal, Paula Bouzón e a Escola Art Estudio; mentres que de 13 a 18 anos, os premios foron para José Caamaño Noya, Inés Tuñas e Paola Enjo Lueiro. No apartado de contos, Susana Sanchiño por A derradeira bágoa, levou o primeiro premio, seguida por Iria Díaz con Anxos negros, e Inés Tuñas Puentes polo seu conto Canelo.

O acto estivo amenizado polo grupo de cámara da Escola de Música de Negreira, baixo a dirección de Raúl Martín Niñerola.