Melide recupera a memoria do director da súa primeira banda de música

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

SANTIAGO

Actuación da pasada fin de semana que ofreceu o grupo Herba Grileira dentro da Semana da Música.
Actuación da pasada fin de semana que ofreceu o grupo Herba Grileira dentro da Semana da Música.

O compositor Otero Val é a figura que homenaxea este ano a Coral da vila

21 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A tradición musical en Melide está tan arraigada que a Coral Polifónica da localidade sempre ten alguén a quen homenaxear na súa Semana da Música, a pesares de que xa suman vinte e catro as edicións deste programa que consegue reunir, ano tras ano, á práctica totalidade das agrupacións musicais da comarca. Na presente, a figura recoñecida, a título póstumo, é a do músico e compositor Emilio Otero Val. Natural do municipio lucense de Antas de Ulla e residente en Santander, adonde foi trasladado como militar que era de profesión, Otero Val non puxo fin á súa relación con Melide cando en 1937 deixou de ser director, logo dun lustro, da que foi a primeira banda de música da localidade.

«Ademais de ser unha figura destacada da música tradicional galega e de sempre preocuparse, estando fóra, por transmitir a nosa cultura, tivo a deferencia de dedicarlle a Melide pezas da súa produción musical», explica Ánxela López, presidenta da Coral Polifónica. Destaca que como director da banda da Policía Armada «o primeiro que fixo foi incorporarlle gaitas galegas» e coa mesma responsabilidade no Centro Galego de Santander sumoulle un grupo de baile á Coral Airiños da Terra, que colleu o nome, está convencida Ánxela López, da que en Melide o nomeou director honorífico no 1954. Neses anos, Emilio Otero Val, «viña a miúdo a Melide» e, de feito, «aparece en moitas referencias na vida cultural da vila».

Ese vínculo está documentado no material que se mostra na exposición biográfica que estes días pode visitarse na igrexa parroquial. Foi prestado polo historiador melidao Xosé Domingos Fuciños, que tamén cedeu un vinilo que a Coral Polifónica reeditou en formato CD coas principais pezas compostas por Otero Val. Foi autor de máis de 150 obras nas que abordou a maioría de xéneros musicais e unha temática inspirada na nostalxia e nos recordos dos escenarios da súa nenez tocando polas vilas do interior de Galicia. E do apego por Melide naceron pezas como Foliada de Melide e Muiñeira de Priorada.