O teatro norteamericano chega por primeira vez ao CDG con Eugene O´Neill

Elisa Álvarez González
E. Álvarez DATA / AGENCIA

SANTIAGO

A nova tempada recupera a exitosa obra de Carlos Casares «As laranxas máis laranxas de todas as laranxas»

28 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O Centro Dramático Galego estrea o 4 de outubro nova tempada, e faino próximo a cumprir trinta anos desde o seu nacemento. O 27 de marzo do 2014 celebran este trixésimo aniversario, e o seu director do CDG, Manuel Guede, di que «celebraremos a nosa existencia, que non é pouco», xa que neste momento so Galicia, Cataluña e o Estado teñen aínda entidades públicas de teatro.

Guede, Jacobo Sutil, director de Agadic, e Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, presentaron esta nova tempada que no aspecto de produción propia achégase por primeira vez ao teatro norteamericano, da man de obra máis senlleira de Eugene O ´Neill, Longa viaxe cara á noite. A estrea será en maio do 2014 dirixida por Manuel Guede. «Pensei que antes de entrar aos grandes como Miller ou Tennessee Williams había que ir ao fundador, a Eugene O´Neill». A outra produción propia desta tempada, que neste caso estrearase en outubro, é a recuperación de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, a única peza teatral de Carlos Casares que xa estreou a compañía en 2004, con brillantes cifras de público, e que neste caso dirixe José Caldas.

Ademais das producións propias, o Centro Dramático inclúe varias coproducións para a tempada 2013-2014, nas que se manteñen obras de Roberto Vidal Bolaño, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas. De feito, o programa do CDG comeza o 4 de outubro coa coprodución entre este teatro e a compañía do Noroeste Touporroutou da lúa e do sol, de Vidal Bolaño, que se suman ás que o CDG leva a cabo coa Compañía de Teatro de Braga e con Voadora.

Dentro das colaboracións que o Centro Dramático inclúe na súa programación, e que aínda están abertas a novas cooperacións, tal e como explicou Guede, figura a participación nun proxecto internacional de teatro, P-Stage, e Troco por Troco, un circuíto de difusión teatral a través do que se busca potenciar o intercambio entre Galicia e Portugal.

Vidal Bolaño

Este é o ano Vidal Bolaño e os responsables do Salón Teatro non o esquecen. A presenza do dramaturgo estará en toda a programación dos vindeiros tres meses. En outubro, co xa mencionado Touporroutou; en novembro, co ciclo de proxeccións audiovisuais das distintas obras do autor; e en decembro, con Criaturas, do Teatro de Aquí, outra peza de Bolaño, dirixida por Evaristo Calvo.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura -quen lembrou que o Centro Dramático existe e respira nos seus 30 anos, pero tamén actúa e leva a cabo unha morea de actividades-, asegurou que «hai unha aposta por parte deste goberno polo teatro público», sinalou.

«O ano que vén celebraremos os trinta anos da nosa existencia, que non é pouco»

Manuel Guede