Terapia de grandes grupos

La Voz

SANTIAGO

OLIVIA HARRIS

Se aparecen as furgonetas non serán as brancas dos servizos médicos, serán as azuis da policía

05 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Algúns anos despois de que John Lennon descubrise que un gurú é un señor con moitas facturas que pagar e mans moi longas, deu con outra opción para coñecerse mellor. Era unha terapia proposta polo doutor Janov que, en liñas grandes, consistía en meter a xente famosa en cuartos insonorizados para que berrasen todo o que o físico lle permitira. Era a terapia primal.

Lennon, que se cansaba das novidades case tan rápido como as adoptaba, trasladou algo desa terapia a atormentada música de comezos dos setenta. Foi moito máis comedido que Yoko Ono.

Arthur Janov, que fixo algo de diñeiro arredor do Primal Scream, aseguraba que a terapia devolvía aos humanos a un tempo anterior á linguaxe, cando as cousas se resolvían dun xeito menos dialogante e nun nivel anterior ao da comprensión. Lennon aseguraba que era tranquilizador.

O grito primario era unha carísima válvula de escape para estrelas de rock, pero tamén se pode practicar a diario e sen prescrición facultativa. Agora que Primal Scream reclama o acento político da súa música, o proletariado de a pé que non ten para vestir traxes de veludo con cores extraordinarias pode subir a un monte ou baixar a un pozo e liberarse pola vía de ir moito máis alá do insulto coa potencia pulmonar.

Pode facer na rúa seguindo o ditado das súas necesidades e do seu libre albedrío. Neste caso, pode que o deteñan por alteración desa orde pública que consisten en irnos retirando paulatinamente da circulación. Pode ser que aparezan as furgonetas, pero non serán as brancas dos servizos médicos, serán as azuis da policía.

Queda a outra opción. A lóxica: xuntármonos para berrar todo o posible que esa será só a primeira das tentativas de facer entrar ao mundo en razón. Porque berrar pode ser un acto violento, pero só é o menos violento de todos os posibles.

MÚSICA | Primal Scream

Días: Venres, 6

Horario: 20.00

Entradas: 24 euros

MÚSICA | Crystal fighters

Debaixo da túnica

Que non, que non. O tempo da paz e amor non vai volver. Non estivo nunca. Foi un espellismo confiado entre a explotación do petróleo que non era noso e algunhas substancias químicas chegadas desde o exterior ao torrente sanguíneo.

A paz e o amor e a súa conxunción fraterna estaban aí para enganar aos amigos, para que se confiasen e perderan músculo defensivo ante a batalla final. Esa loita non era coñecida naquela altura. Pero agora si. É a batalla contra nós, contra a nosa esixencia de que nos recolla unha ambulancia en lugar dun coche fúnebre. Contra o dereito ás tres comidas. E se queres poñer túnica, estupendo. Pero mira de levar agachada por baixo algún arma de guerra.

Sala Capitol

Días: Hoxe

Horario: 21.30

Entradas: 18 anticip.; 20 taquilla

MÚSICA | Blue mood

A importancia

Un pouco de blues non lle fai mal a ninguén. Nin sequera aos indies. O asunto do blues é que ten máis mítica que uso. Pasa como con James Joyce, todo o mundo o cita pero case ninguén o gasta. Pasa con máis cousas: a democracia, por exemplo; a igualdade, e tamén pasa cos mínimos para que unha sociedade se considera madura a si mesma.

Do blues fala todo o mundo e case todo o mundo di que está influído por el. Pero poñerse con el é outra cousa. É como poñerse coas cousas que importante de verdade. Porque podes pasar sen unha mariscada e podes pasar sen ler a última de Vargas Llosa. Pero non vas pasar sen un bocata cando a fame apreta. Nin de ler as esquelas dos colegas. O blues é así. Como as cousas sobre as que crece a vida.

Embora bar

Días: Hoxe

Horario: 22.00

Entradas: De balde

MÚSICA | Rastrexos

Combinacións

Como a música vai por épocas, unhas veces está moi valorada a mestura e outras moi valorada a esencia. Como tamén vai por territorios, hai ocasións nas que a combinación está moi ben vista se a fan nun lado e regular se a fan desde outro. Como a música vai por xéneros (aínda que isto último sexa moito máis discutible) hai xéneros que se prestan a combinar e outros nos que parece que calquera saída de vía está sancionada coa retirada total do carné.

Pasa no folk que, segundo o tipo de folk que sexa, está moi ben ou moi mal visto que se combine ou se deixe de combinar. Pero o folk xa tomou as súas decisións e o asunto claro é que as combinacións son boas para a música aínda que compliquen un pouco a vida das etiquetas. Con etiqueta folk, Rastrexos Project combina músicas que non se poden dicir que sexan radicalmente diferentes porque toda a música é a mesma música. Pero son distantes en canto ao xeito de escoita. Combinan as músicas e tamén os xeitos de tocalas para que quede claro que posibilidades hai infinitas e o resto son ganas de perderse a música por entre as letras da peor literatura.

A Quintana

Días: Martes, 10

Horario: 21.00

Entradas: De balde

Petición popular

Festas da rúa de Baixo

Para agora e para despois

O Sonoro Maxín encabezan as festas da Rúa de Baixo que, como sucede con tantas cousas do mundo mal arranxado, ten outro nome para as cuestións oficiais. Menos popular: Rúa do Espírito Santo. Ademais da festa, das verbenas, da banda municipal e os pasarrúas, ademais dos concertos de Verdegaios e Taghaitaí, dos xigantes de dos cabezudos, a festa deixa lugar para o intercambio porque aínda queda lugar para o comercio festivo e no que, aínda máis que xogos e xoguetes, ademais de facer instrumentos para marcha de farra, poden intercambiarse libros de texto.

Rúa de baixo

Días: Venres e sábado

Horario: todo o día

Concerto: 22.30