«É reconfortante traballar con nenos con altas capacidades»

Os membros da asociación ASAC presentaron dúas curtametraxes


Santiago / la voz

«O cine e o teatro son un traballo de equipo, e hai que aprender a traballar en equipo». A actriz e pedagoga Estíbaliz Veiga vén de poñer punto e seguido, como docente, a unha experiencia coa que saíron gañando tanto os alumnos como a propia mestra. Os nenos e mozos membros da Asociación de Altas Capacidades de Galicia, que dirixe Carmen Pomar, veñen de demostrar a súa valía como cineastas con dúas curtas que onte se estrearon no Salón Teatro.

-¿Que tal a experiencia?

-Moi ben. Chamáronme para dirixir un taller de cine e interpretación con nenos, preadolescentes e adolescentes con altas capacidades. O reto era máis que apetecible: son nenos súper especiais e súper encantadores. O proxecto consistía en realizar unha curtametraxe sen ningún tipo de requirimento. Os máis pequenos, de doce a trece anos, quixeron facer un tributo ao cine mudo, despois do trunfo de películas como Blancanieves ou The Artist. Eles fixeron o guión, dividiron en planos, secuencias, elaboraron un plan de rodaxe exhaustivo... O operador de cámara só tivo que rodar segundo as súas instrucións., gravouse todo en dúas horas e 45 minutos.

-¿Tamén a música?

-Tamén. Eles trouxeron os instrumentos e un deles, Anxo, encargouse da montaxe.

-¿E o proxecto dos maiores?

-É de maior envergadura. Contamos coa colaboración de Edu Lavandeira, unha persoa que ten unha sensibilidade extraordinaria para os rapaces. Alucinou coa cantidade de coñecementos que estes rapaces teñen sobre todo. Fixeron un clip musical con heroe, antiheroe e un par de xiros dramáticos moi ben marcados e en cámara lenta.

-O resultado, excelente, que me vai dicir...

-Estou sorprendidísima, son uns actorazos e si, neste momento, teño síndrome de mamá pato. É reconfortante traballar con eles, teñen unha comprensión extraordinaria e son moi positivos. Tanto eu coma Edu pasámolo moi ben e, nun tempo récord, fixemos un traballo cun resultado que non está nada afastado de proxectos profesionais.

-O equipo, esa gran ferramenta...

-É un dos aspectos nos que os pedagogos temos que traballar exhaustivamente.

estíbaliz veiga actriz e pedagoga teatral

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags

«É reconfortante traballar con nenos con altas capacidades»