«O suicidio é algo moi serio, pero tamén material narrativo»

nacho mirás SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

O ourensán Juan Tallón considérase un «xornalista á fuga» que segue o seu propio camiño.
O ourensán Juan Tallón considérase un «xornalista á fuga» que segue o seu propio camiño.

A obra recrea as últimas horas de catro grandes poetas

25 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Cesare Pavese, Anne Sexton, Gabriel Ferrater e Alejandra Pizarnik eran poetas ben diferentes. ¿Ou non tanto? O escritor Juan Tallón constrúe en Fin de Poema (Sotelo Blanco, premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta 2012) unha caixa negra, como as que teñen os avións, na que recolle os últimos movementos, incluso as últimas reflexións, que puideron pasar polas cabezas dos catro autores xusto antes de tomar a decisión máis drásticas das súas vidas: suicidarse.

-¿Cal é o nexo entre os catro poetas?

-Poñamos que os catro, antes de tomar a decisión de desaparecer, experimentaron un silencio poético. Os catro sentíronse incapaces de seguir facendo poesía, e a poesía era, para todos eles, esa asa que os mantiña aínda en pé. Todos levaban moito tempo flirteando coa idea de suicidio e a poesía permitíalles camiñar na azotea. A miña teoría é que, no momento no que se lles esgotou, quedaron sen amarras, perderon o equilibrio e caeron.

-Se algo ten o suicidio de poético, en todo caso, é para os que escriben ou len sobre el...

-O suicidio é unha cousa moi seria, pero tamén un material narrativo, como a morte. É unha cuestión que levaba traballando, case obsesivamente, en obras anteriores, e pareceume que había que poñerlle un punto e final: suicidando ao grande a todos os personaxes. Iso permíteme un cambio de ciclo, emprender un camiño novo.

-Armando Requeixo di que vostede é xornalista por dedicación e novelista por devoción ¿Chegou o momento de virar as tornas?

-Son un xornalista á fuga. Vivín uns anos como xornalista medio escravizado e saín moi escaldado, coa idea de non volver nunca a unha redacción. Agora podo permitirme facer xornalismo sen estar no xornalismo. Colaboro en Jot Down, na Voz de Ourense... Estou a un par de colaboracións de poder sobrevivir.

-¿Que tal vai «El váter de Onetti», escrita en castelán?

-Hai que agardar un pouco. É un texto peculiar sobre a fuxida. O protagonista é un súper alter ego meu. Quería construír unha novela sobre as mudanzas, que implican o concepto de fuxida, construír unha novela sobre a beleza de certos fracasos