Portugal e Galicia inician un novo intercambio escénico

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Oito compañías participarán no programa Troco x Troco

19 jun 2013 . Actualizado a las 11:06 h.

En cuestións de intercambio teatral Portugal e Galicia están sempre recomezando. Troco x Troco é o novo programa para que as artes escénicas portuguesas e galegas teñas unha oportunidade de coñecerse mellor.

Catro compañías por cada parte, catro espazos a cada lado da desaparecida fronteira e 32 funcións en total son os datos para que durante o segundo semestre deste ano e o primeiro do seguinte os espectadores de catro localidades portuguesas e catro galegas poidan asomarse ás producións que forman parte deste programa que comezará a desenvolverse nos primeiros días do mes de outubro.

As compañías portuguesas que se sumaron a este intercambio son A Escola da Noite de Coimbra, o Centro Dramático de Évora, Companhia de Teatro de Braga e Seiva Trupe de Porto. Pola parte galega, as compañías seleccionadas son Sarabela Teatro (con Os cantares das musas), Teatro do Atlántico (A charca inútil), Teatro do Morcego (A función do tequila), e Teatro do Noroeste (Touporroutou da lúa e do sol) en coprodución co Centro Dramático Galego.

Xira por cidades

Braga, Coimbra, Évora e Porto son as cidades polas que xirarán os grupos galegos, mentres que as cidades que se sumaron a esta iniciativa da Consellería de Cultura e Educación máis da asociación Cena Lusófona son Narón, Ourense, Santiago e Tui.

Segundo o director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede, este programa ten vocación de continuidade e estará complementado con outras actividade para ampliar o coñecemento mutuo. Guede tamén apuntou que este intercambio «non é de agora» e que a presenza galega en festivais como o Fitei de Porto chegou a ser habitual.

Troco x Troco será presentado mañá en Porto como unha demostración «da colaboración entre institucións e do aproveitamento dos recursos», segundo explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. O director portugués, Rui Madeira, do Teatro de Braga, sinalou que este intercambio é «unha das respostas que as xentes do teatro poden dar aos tempos de crise, incluso desa crise que vai máis alá da economía».