A asociación PuntoGal agarda que se rexistren ata 9.000 dominios o próximo ano

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

Estará operativo a inicios do 2014 e dispoñible para o público xeral en seis ou nove meses

15 jun 2013 . Actualizado a las 15:58 h.

Un fito histórico. Así definiu o presidente da Asociación PuntoGal a aprobación, por parte da Asignación de Nomes e Números en Internet, do dominio .gal, que porá no mapa dixital a lingua e a cultura galegas. Un fito histórico e un triunfo de todos, sen que poidan apropiarse del un goberno, un partido ou unha asociación. Todos contribuiron a aprobación dun dominio que comezará a funcionar para o público xeral dentro de seis ou nove meses, dependendo das circunstancias e en función da marcha doutros dominios que no sorteo están con anterioridade ao galego. A entidade que dende o 2007 promove a candidatura do dominio .gal, é probable que no primeiro ano poderá haber entre oito e nove mil dominios .gal. Con posterioridade, e despois da afluencia masiva deses meses iniciais, o número medrará de xeito máis paulatino.

Manuel González, presidente da Asociación PuntoGal, tivo un recordo para todas as institucións, 110, e os asinantes particulaes, 13.700 persoas, que apoiaron dende o 2007 a candidatura deste dominio que contribuirá a poñer a lingua e a cultura galega na Rede, unha necesidade perentoria porque «a cultura que non é visible en Internet ten o futuro moi negro». Así, grazas ao .gal, será posible atopar máis rápido e mellor información sobre Galicia e os buscadores poderán ordenar os contidos galegos mellor que ata o momento.

O que se abrirá en primeiro lugar e un sunrise, onde as entidades e as marcas galegas, así como aquelas internacionais que se rexistren nunha base de datos terán prioridade para o rexistro dos seus dominios. Despois poderán rexistrar o seu dominio o resto do público xeral. Porén, González aclarou que agora o necesario é abrir unha campaña de difusión especializada en distintos sectores, como o empresarial, o cultural, o do ensino e incluso da sanidade, para que coñezan, ademais da importancia do dominio .gal, o proceso que agora se abre. Tamén, segundo o presidente do .gal, é importante explicar as vantaxes económicas do dominio. De feito, a maioría dos beneficios de rexistrar un .gal quedarán aquí, mentres que cando se rexistra un dominio xeral a maior parte dos beneficios van fóra de Galicia.