«A crise obríganos a facer cousas que antes se estimarían radicais»

Di que as editorais universitarias están inmersas nun cambio de rumbo


santiago / la voz

As editoriais universitarias están gañando a pulso o respecto de todo o sector e das grandes editoriais comerciais. Obviamente, o Servizo de Publicacións da USC non é unha excepción e o seu director, Juan Blanco, ten claro que o cambio de rumbo no que están inmersas estas editoriais é froito do esforzo individual de cada unha pero tamén de saber deixar as diferenzas a un lado e traballar nun proxecto común, que se traduce, por exemplo, na apertura da librería da Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE) no centro de Madrid.

-¿Como está a ser ese cambio?

-A edición universitaria, e por suposto a USC, está en dúas batallas. Hai un cambio de modelo na edición e hai un cambio de rumbo na edición universitaria. O embate dixital e a crise están empuxando a reinventarnos cada día na edición e reporta un cambio de modelo de negocio. Hai unha lectura pedagóxica da crise e é que a falta de recursos estanos obrigando a tomar decisións que hai anos poderían ter sido consideradas excesivamente radicais. Por exemplo, a USC acordou en marzo do 2012 migrar todas as súas revistas para dixital porque non hai recursos para seguir sostendo as revistas en papel. Isto pode ser considerado absolutamente positivo, e é que a explotación dixital dispara o impacto das revistas.

-¿Como afrontaron esa migración?

-As universidades estamos cumprindo ese papel de liderado natural nunha migración que está sendo todo o ordenada e radical que poderiamos agardar. O exemplo das revistas é significativo, porque hai algunhas que se levaban editando en papel dende os anos 70. Hoxe, os xestores científicos da maior parte das revistas están encantados.

-¿Non houbo suspicacias?

-O papel é o papel, tócase, chéirase, é máis serio, ten un empaque, unha presenza que non ten todo isto que é tan evanescente na Rede. Iso é difícil de facer entender e iso conduce a unha dialéctica entre tecnofilia e tecnofobia que é completamente estéril e que hai que superar. Temos un camiño dixital que temos que percorrer e seguimos tendo unha produción en papel á que non imos renunciar. Un editor universitario o que ten que ter claro é unha estratexia de produción e de situación no mapa do mundo editorial. Somos o que somos, o futuro da transmisión da investigación: revistas e libros especializadísimos e dixital.

-Fala tamén dun cambio de rumbo.

-Dende hai dez anos experimentamos un cambio de rumbo. As editoriais universitarias publicamos para cidadáns críticos, lideramos un cambio de rumbo que non só leva a un mellor posicionamento, a un respecto dentro da profesión e das axencias de calidade. Os propios xestores universitarios e o público están empezando a entender que as editoriais somos o buque insignia das universidades, algo que os anglosaxóns entenden dende hai centos de anos, e que os libros son un marchamo de calidade e de prestixio. As universidades somos posuidoras dunha masa crítica, de conciencia, de reflexión e mesmo de incomodidade social e política.

-¿Como?

-Por exemplo, a próxima semana presentamos dous libros: Violencia de género y justicia e Menores en crise. Non son libros estritamente científicos e académicos, son libros que aproveitando o academicismo están transmitindo o potencial de reflexión e de axitación que teñen as universidades.

-Hai o estereotipo de que se publica para autoconsumo.

-A edición universitaria gañou unha mala fama xustificada. Hai esa percepción de autoconsumo ata que un empeza a ver o que edita a USC, como un estudo demográfico sobre Galicia, coleccións como as de Valle Inclán e de Valente, temos en perspectiva un libro que se chama El despertar árabe... ¿Editamos para autoconsumo? Tamén. Estamos cubrindo todos os paus sen descoidar e sen renunciar a ningún.

juan blanco valdés director do servizo de publicacións da usc

«Comezamos a entender editoriais somos o buque insignia das universidades»

«Publicamos para cidadáns críticos, somos estimuladores de conciencia crítica»

A falta de recursos fixo ás editoriais cambiar xeitos de produción.

-Cambiou no sentido de perfilar aínda máis criterios de racionalidade, de custo, de produción editorial, de tiraxe, de prezo, de descontos... Este cambio de rumbo de achegarnos aos funcionamentos da edición convencional, non é nada de antonte, pero a crise, como no resto dos sectores, puxo as cousas no seu sitio. A aprendizaxe que podemos tirar dunha situación tan extremadamente mala é un aproveitamento dos recursos que só pode camiñar por canles de racionalidade. A outra lectura é a de requintar o obxectivo final de todo editor: retornar multiplicados os diñeiros que inviste. Evidentemente falamos de magnitudes de produción cultural e hai outro tipo de consideracións que hai que ter en conta neste ámbito. Os universitarios, como calquera editor, buscan o retorno económico, e máis importante, dar ás publicacións o maior impacto posible.

-¿A criba para publicar é agora maior?

-Si, si. Nós temos tres tipos de edición: a que vai a referee externo, outra que pasa pola decisión de directores de colección e proxectos de responsabilidade científica e financeira dos departamentos: non preguntamos pola súa calidade pero tampouco financiamos.

-¿ Que proxectos hai no cartafol do 2013?

-Aparte do portal dixital de revistas, que é xa unha realidade e funciona como unha auténtica biblioteca dixital. Boa parte dos títulos, unha porcentaxe interesante, edítanse xa en papel e tamén dixitalmente. Temos a libraría dixital, Espazo Ebook, onde os libros non están en acceso aberto, pero temos unha boa produción en acceso aberto. Agora temos uns 22 títulos en aberto, obviamente totalmente protexidos, e arredor duns cen na libraría dixital. Editamos ambos co mesmo mimo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos

«A crise obríganos a facer cousas que antes se estimarían radicais»