En galego imos como motos

nacho mirás SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

monica ferreirós

Vidal Bolaño estivo presente nas iniciativas máis variadas no Día das Letras

18 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Rematou o día, pero non a romaría. A cidade e as vilas da súa área de influencia encheron onte as súas rúas de homenaxes a Roberto Vidal Bolaño e, por extensión, á lingua galega no seu día grande. Coa presenza de familiares, veciños e autoridades, o Concello organizou un acto institucional no que se colocou unha placa conmemorativa a carón da que foi casa familiar dos Vidal Bolaño, no número 43.

Moi contentos estaban tamén os gañadores do concurso Gústame o Galego, que recibiron os seus agasallos no Pazo de Bendaña. Competían por teren os lemas máis votados en Facebook e Twitter, e os vencedores recibiron cadanseu libro electrónico no marco dunha xornada chea de actividades. En Twitter venceu Tatiana García González con «Gústame o galego porque temos bicos, aloumiños e moitas mostras de aprecio doces como o mel». Presentáronse 280 propostas e a gañadora tivo dezaoito rechíos.

En Facebook, o lema premiado é de Lara Fernández Alonso: «Gústame a xente riquiña».

Baixo o título En galego con todas as letras, as concellerías de Normalización Lingüística e Educación prepararon unha xornada de actividades como, entre outras, o obradoiro creativo Renova a camisola con Vidal Bolaño, onde os nenos puideron deseñar as súas camisetas. O Motoclub Compostela plantoulle cara á chuvia coa súa Ruta Rosaliana de Motos Clásicas, que encheu o Obradoiro de fermosas monturas mecánicas.

O concerto Tic-Tac, proposta de Pablo Díaz para toda a familia, baseada no libro-disco homónimo, trasladouse a partires das 19.00 horas ao Auditorio de Galicia. En localidades como Santa Comba tamén botaron o resto nos actos do Día das Letras Galegas. A Concellería de Cultura promoveu o concurso de redacción As Nosas Letras. Natalia Martínez Barreiro, do Pepe Xan Baña; gañou no grupo primeiro, con accésit para Jorge Mouro Cantorna, do Barrié de la Maza. No grupo segundo, o premio foi para Xabier Lías Barrientos, do Barrié, e o accésit para Sergio Liñares Allo, do mesmo centro. No grupo terceiro, gañadora Andrea Gómez, do Pepe Xan Baña, e accésit para Clara Antelo, do Barrié; e no grupo catro, Brais Gesto, do Barrié, foi o gañador, mentres que o accésit foi para Mireia Pérez, do Pepe Xan Baña. En Touro, un grupo de nenos participou nun obradoiro sobre a vida e a obra de Roberto Vidal Bolaño.