A Xunta e o Consorcio coeditan «Doentes» para celebrar as Letras Galegas

La Voz

SANTIAGO

A obra de Vidal Bolaño está ambientada nas reformas do Hospital Real para converterse en Hostal

15 may 2013 . Actualizado a las 16:49 h.

A Xunta e o Consorcio de Compostela veñen de presentar a coedición da obra teatral «Doentes» de Roberto Vidal Bolaño, un dos catro volumes cos que a Consellería de Cultura e Educación celebra as Letras Galegas, que este ano lembra a figura do dramaturgo compostelán. Precisamente, «Doentes» é unha peza ambientada nas reformas que converterán o antigo Hospital Real no actual Hostal dos Reis Católicos.

Con este libro, que realizou Edicións Positivas, a Xunta quere amosar o «enorme potencial como director, creador e intérprete» de Vidal Bolaño, tal e como salientou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación do volume. Lorenzo tamén aproveitou para apostar por situar ao dramaturgo «no lugar que lle corresponde na literatura galega».

Ademais de «Doentes», Cultura colabora coa edición de «Obras completas de Roberto Vidal Bolaño», «Un chapeu negro e un nariz vermello» y «Cadernos de Ramón Piñeiro. Volume XXV: Roberto Vidal Bolaño», co obxectivo de poñer ao dispor da cidadanía as obras deste autor para favorecer a súa difusión social. Ademais, o Centro Dramático Galego está a centrar a súa actividade na obra de Vidal Bolaño co programa que integra a produción propia de «Días sen gloria» e coas coproducións de «Criaturas», «BailadELAS» e «Toupourroutou da lúa e do sol».