«En Londres traballo hai, pero moito é 'minijob'»

Olalla Sánchez Pintos
Olalla Sánchez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Este santiagués atende dende decembro na nova tenda que Zara abriu en Oxford Street

06 abr 2013 . Actualizado a las 13:25 h.

Ao igual que moitos outros mozos, este compostelán de 26 anos, licenciado en Económicas, decidiu desembarcar en Londres en outubro pasado en busca dunha perspectiva laboral que se lle pechaba en Galicia. A marcha da súa parella á capital británica e a eliminación dunha bolsa que lle ía permitir acceder a un posto convencérono a facer as maletas. Tras uns duros comezos, na actualidade non perde o optimismo tras comezar a traballar na nova tenda que Zara abriu en decembro en Oxford Street, a principal arteria comercial londinense.

-¿Foi difícil a adaptación?

-O principio da nosa estancia foi un pouco complicado, sobre todo polo problema do alugueiro. Aquí non hai término medio. Ou pagas moito ou tes que contentarte cun piso nun barrio non moi seguro. No noso caso, e nada máis chegar, estivemos na zona norte pero, acostumados á seguridade de Santiago, alí non estabamos moi tranquilos. Tras lograr un traballo, mudámonos ao oeste, a unha zona universitaria e con moitos servizos. Vivimos nun estudo de 15 metros cadrados polo que pagamos 700 euros cada un, pero vale a pena.

-¿Hai tanto traballo en Londres como se cre?

-Si hai traballo pero o problema é que o 80% dos postos ofertados son minijobs. En moitas ocasións os contratos son soamente por 25 ou 30 horas. Eu estiven uns poucos días nun bar e prometinme que non volvía. Cando comezaba a xornada non sabía cantas horas ía traballar. Aquí a crise, a pesar de que non se nota tanto, si está a deteriorar as condicións laborais. Hai moitos salarios de subsistencia e grandes desigualdades. No meu caso, e despois de deixar o bar, botei o currículo na oficina de Inditex. Aos tres días me chamaron.

-¿Como é traballar nun mercado tan competitivo?

-Para min todo foi unha aprendizaxe. Tras un primeiro mes noutra tenda, en decembro, e trala apertura, xa me trasladaron a este establecemento de tres pisos e 2.500 metros cadrados. Estas cifras impresionan pero, sen embargo, creo que o máis esixente non é a propia tenda senón o que implica traballar en Londres, un mercado moi duro. Aquí o cliente é moi minucioso e ao mellor por un fío mal posto xa devolven a prenda. Ademais, o perfil do comprador é variado e tanto ven xente de clase menos acomodada como da propia realeza. Eu estou de cara ao público. Cobro e levo unha contabilidade do local. Non é un traballo difícil aínda que co ritmo e a elevada facturación que hai, tes que pór os cinco sentidos.

-¿Paga a pena o cambio de país?

-Si, porque aprendes moito. Melloras o idioma e tes a posibilidade de traballar con xente de todo o mundo. O contraste de culturas é moi enriquecedor. Se tes inquietudes, iso é o que che ofrece Londres. Ademais, a estabilidade que me da o posto xa me permite disfrutar da cidade doutra maneira.

-¿Adáptase a vivir alí?

-En calquera megurbe pérdese calidade de vida, sobre todo, polo tempo que invistes no traslado ao traballo, que pode ser dunha hora. De todas formas, as condicións son boas. Traballo 40 horas semanais aínda que os días de libranza son alternativos, ao abrir todo en Londres de luns a domingo. Máis alá diso, boto de menos a comida. Para comer ben tes que pagar moitísimo e ao final acabas facéndoo mal. Por 10 laranxas cheguei a pagar 9 libras, a casi un euro por peza.

-¿Como se ve a crise española?

-Non o cren. Cando lle falei ao meu xefe australiano do paro xuvenil díxome: '¿Pero España non era un país desenvolvido?'