Non deixedes nada nas mans de ninguén

Camilo Franco (camilo.franco@lavoz.es)

SANTIAGO

MONICA IRAGO

Se os oitenta provocan nostalxia poden pasar moitas cousas, pero ningunha boa...

18 oct 2012 . Actualizado a las 12:04 h.

MÚSICA: Fanfarlo / Bill Kirchen

Se os oitenta provocan nostalxia poden pasar moitas cousas, pero ningunha boa. Nos oitenta a autonomía era un concepto moi difuso e a xente era moi contraditoria: enrugaba os traxes e alisaba o pelo. Creo que os oitenta non eran exactamente anos de bonanza a pesar de que no cine había unha multitude de películas nas que os protagonistas paseaban en automóbiles a moita distancia da clase media.

Nos oitenta, por exemplo, para facer música electrónica precisabas unha discográfica e unha nave chea de cacharros nun polígono. Agora só precisas un candelabro da igrexa de Steve Jobs. O tempo pasa, as cousas cambian, pero nós non. Quizais por iso podemos sentir nostalxia dos oitenta. A maioría de nós eramos moito máis novos, pero esa razón non chega.

O segundo disco de Fanfarlo é menos interesante que o primeiro. Non creo que se poida falar do indie como un territorio coherente, pero de cando en vez aos grupos dálle por xirar cara aos oitenta, de xogar coas caixiñas como se fosen un gobernador do Banco de España e, agora como antes, a música é moito máis aburrida así. Menos fresca.

Pero os tempos están cambiados e imos ter que poñer algo máis da nosa parte que esas cancións tan bonitas para musicar anuncios de empresas que presumen de limpas mentres executan un ERE.

Fanfarlo - Sala Capitol

Días: Venres

Horario: 21.00

Entradas: 20 euros + gastos

Bill Kirchen ten como título nobiliario ser o titán da Telecaster. Como estamos en campaña electoral desconfío moito das frases feitas. Pero tampouco me quero deixar levar polas circunstancias.

Alguén asegurou unha vez que non se debería deixar nada en mans dos especialistas nin a música nas mans dos virtuosos. Sempre lle fixen caso a pesar de ser unha frase bastante feita.

A guitarra de Kirchen soa divertida, segura e xoguetona. Pode que para os europeos pareza algo exótica ou, cousas da educación sentimental, recorde a algunha serie animada para cativos de hai moitos, moitos anos nun reino xunto o mar.

Quizais por iso, pola educación sentimental, non queda ben deixar as cousas nas mans dos especialistas. Porque debería contar a opinión xeral ou porque a decisión de todos é máis importante que a dos moi sabidos por moi técnicos que sexan. Bill Kirchen, con todo, non é un especialista. É guitarrista. Pero vos procurade ter as cousas da vosa man.

Bill Kirchen - Sala Capitol

Días: Sábado

Horario: 21.30

Entradas: 18 euros + gastos anticipada. 22 euros en taquilla.

HUMOR: Carlos Santiago | Estamos en crise, pero hai que reflexionar

Unha das preguntas serias é como chegamos ata aquí. Porque moito falar do asunto, pero ninguén quere explicar que os que están agora son os mesmos, ou da mesma familia, que os que estaban antes.

Os galegos dicimos moito iso dos que están para referirnos aos que mandan e somos pouco consecuentes cos verbos que utilizamos porque estar é un verbo que indica transitoriedade pero en Galicia sempre mandan os mesmos. E por iso habería que reflexionar.

En Galicia tamén temos fama de indecisos, pero as eleccións adoitan decantarse case sempre cara ao mesmo lado polo que responderíamos mellor ao retrato de ser teimosos. Por iso habería que reflexionar.

Logo tamén habería que reflexionar porque alguén debeu pensar que precisabamos un día para iso, xusto o día anterior a votar. E tamén isto merece unha pensada, porque eu creo que reflexionar deberiamos facelo todo o resto da vida.

Café Bar El Puente

Días: Sábado

Horario: 22.30

Entradas: 3 euros.

TEATRO: «Best of de Leo Bassi» | A fama da parodia

Do mesmo xeito que algúns espectadores só chegaban a coñecer a algúns políticos porque os miraban no guiñol, algúns políticos deberían agradecerlle a Leo Bassi que fale deles sen deterse, con franqueza e sen aquel eufemismo chamado delicadeza.

O humor de Bassi foi pasando da provocación á intervención política. De desfacer sandías a pancadas a poñer o dedo nos buratos negros da corrupción. Por ese camiño houbo un cambio pero non sei se foi tanto del como dunha sociedade que prefería, en tempos, ser provocada a ser invitada a pensar.

Non sei como vai agora, pero lendo o Facebook, a sociedade parece pedir a gritos ser provocada. O bufón tirou, case como un galego, pola vía práctica: provocar mentres invita a pensar no que nos fan ou, máis exactamente, no que nos deixamos facer.

A recompilación dos grandes éxitos escénicos de Bassi permitirá unha posta ao día dos espectadores. Pero para que vexan que a realidade importa moito máis no humor que no drama, desta vez Conde Roa non terá tanto protagonismo entre os números do pallaso. E tamén é mágoa que a realidade nos marque o discurso porque hai personaxes que merecen existir para que alguén lles poida facer unha parodia ben feita.

Auditorio da Ramallosa (Teo)

Días: Hoxe

Horario: 21.00

Entradas: 12 euros

Música contemporánea | De agora

A contemporaneidade ten moi mala prensa. Hai que entendelo: asómaste a calquera pantalla e o que aparece despromete moito. Estamos asediados pola idea de que o presente é moito peor que un pasado recente que en algúns barrios debía ser de conto de fadas. Por iso falan de contemporáneo e a xente corre en dirección contraria. Non quere saber do de agora, quere ir ao pasado por recente que sexa. Entón non eramos ricos, pero a posibilidade de selo parecía máis real.

Un dos problemas da contemporaneidade é que o pasado estivo cargado de promesas que agora están incumpridas. Antes dicíase que chegaría o día en que todos poderiamos apreciar isto ou aquilo e as cousas que por entón eran sofisticadas agora serían de consumo común. Pero chegados aquí nada diso foi. Entrounos a nostalxia do que nunca sucedeu e, para calmar a ansiedade, cargamos algo indecorosamente contra o que temos.

Outro problema do contemporáneo somos nós porque non queremos decatarnos de estar feitos da mesma materia da ficción e a materia que nos corresponde agora é a da contemporaneidade. Pero somos obstinados. E contra o presente moito máis.

Varios espazos

Días: Do 23 ao 31 de outubro

Horario: Varios

Entradas: 3 euros. Abono 8 concertos: 18 euros; 4 concertos: 10 euros