«Hai que parar a sangría dos despedimentos»

x.m.c. santiago / la voz< / span>

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Afirma que como carteiro ten unha visión dos problemas diarios e ve a dureza da vida cando reparte malas novas

12 oct 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

José Canedo demostrou ser un home paciente. Recibiu sen a menor pega, todo o contrario, a petición de repetir parte da entrevista por un problema técnico. Aspira a presidir a Xunta cun partido distinto aos demais e a resolver os problemas da rúa que palpa a diario na profesión.

-Un compostelán candidato por Pontevedra.

-Somos un partido diferente aos demais. Facemos primarias para os candidatos e o partido decidiu que o aspirante á presidencia fora o de Pontevedra.

-De carteiro a posible presidente.

-É outra visión de facer política, non so de arriba a abaixo senón de abaixo a arriba. Un carteiro ten unha visión dos problemas diarios da vida. Eu todos os días vexo cousas que outra persoa raramente ve. As notificacións de embargos e de despedimentos que levo para a xente é algo moi duro. Ves a cara das persoas. Míraslle aos ollos e sabes o que senten. Teño a vida na rúa.

-Tamén lle leva correo ao presidente da Xunta.

-Si, o outro día saudeino en Lugo. Son o seu carteiro. Lévolle correo urxente. O carteiro da Xunta é candidato á Xunta.

-¿Esa realidade social que ve na cidade recibe atención?

-As políticas, como a da Xunta, para min son erróneas. Veuse creando unha cantidade de entidades, fundacións e organismos paralelos que nos levaron á ruína. Hai que rematar con iso e dedicar os medios ao que realmente importe, que son ás persoas. Eu mesmo son funcionario e o 99 % deles andan nos mil euros, non é xente rica. Hai cousas que nunca recortaría, e antes de facelo en sanidade, educación, servizos sociais e dependencia faría moita limpeza antes. Propoñemos a eliminación das Diputacións, porque son un despilfarro, e estudar a fusión obrigatoria de concellos.

-¿Qué especifica o programa de UPyD para Compostela?

-Non somos localistas. Pero son o carteiro do Tambre e vexo que aquí hai que acadar que o crédito vaia ás empresas. Firmas grandes como Televés, Finsa e outras son potentes para a cidade e hai que parar a sangría dos despedimentos. É preciso buscar fórmulas para que iso non ocorra, entre elas o crédito, senón o escenario é unha ruína. Non se pode perder máis emprego. Estamos no tope. E deberemos potenciar os medios de Facenda, as inspeccións. Bótase xente sen necesidade, e iso sucede no Polígono do Tambre.

-¿Como se está a tratar a cuestión da capital?

-Dentro de Galicia Santiago é unha das cidades máis importantes. Aínda que non me gusten os localismos, Santiago é un referente para Galicia, e se a Santiago vaille ben, vaille ben a Galicia. O turista que ven a Santiago dispérsase pola comunidade e entón hai que potenciar Compostela porque se potencia Galicia.

-¿A Administración racanea con Santiago?

-Si, a Xunta está racaneando un pouco con Santiago, pero non quero ser localista porque buscamos a igualdade de todos os galegos, sexan de onde sexan.

-As eleccións van medir a presenza de UPyD na cidade

-Si, pero dende as anteriores noto un cambio rotundo. Antes había xente que non sabía nin o nome do partido e agora a xente sabe o que estamos facendo aquí e en todos os lados. UPyD é consecuente sempre no que fai e no que di.

-¿Como ve os diferentes enfoques da campaña?

-Tanto nas eleccións do País Vasco como nas de Galicia estamos posiblemente, polo menos así o cre UPyD, no momento máis importante da historia da democracia. Se somos chave podemos cambiar a historia de Galicia e a historia de España, porque temos outro xeito de facer política. Nós non pactamos con ninguén, senón que buscamos cuns e con outros o mellor para a cidadanía.

-¿As enquisas?

-A mellor enquisa é o trato que recibimos na rúa, a xente móstrase interesada na nosa opción.

jose canedo santos candidato de unión progreso e democracia

José Canedo Santos

Extraballador da banca e carteiro

Unión Progreso y Democracia (UPyD)