«O Deus no que creo non busca o noso sacrificio, senón a nosa felicidade»


santiago

Alguén así é o Deus en quen eu creo, o último ensaio de Torres Queiruga da editorial Galaxia e que foi presentado onte, amosa un Deus ante todo volcado na felicidade humana. Coas augas máis calmadas despois da carta publicada en marzo pola Conferencia Episcopal na que se criticaba os seus textos, o teólogo Torres Queiruga agarda que se esquezan preocupacións innecesarias, aínda que o Arcebispado de Rosario acaba de prohibir unha charla súa nos Maristas.

-«Alguén así é o Deus en quen eu creo», ¿alguén como?

-O título ocorréuseme precisamente unha noite, nese proceso despois da nota dos bispos, pensando como podo dicir eu, como o podo expresar, cal é a miña visión de Deus.

-¿E cal é esa visión de Deus?

-Primeiro Deus como alegría, como salvación. Ese foi o meu descubrimento de Deus e a miña liberación do medo que, como a tantos, me meteron del cando era un neno. Despois destaco dúas metáforas, unha de Schelling, que di «Deus est res cunctas», un disparate en latín, porque debería dicir «Deus est res cunctae». Intenta suxerir, rompendo a sintaxe, que, creándonos por amor, fainos ser identificándose dalgún modo con nós: canto máis o acollemos, máis somos. Tamén fago referencia a unha frase dun escritor romano, Plinio o Vello, que dixo: «Deus est mortali iuvare mortalem»: Deus é, Deus acontece, cando un mortal que axuda a outro mortal. Coincide co fío de ouro da Biblia, desde os profetas ata Xesús: o criterio definitivo do verdadeiro coñecemento de Deus está na preocupación polo orfo, polo estranxeiro e pola viúva, dicían os profetas; ten fe quen dá de comer ao famento, sentenciou Xesucristo tamén. O noso mal e noso sufrimento son a gran preocupación de Deus. El é o anti mal, sempre connosco contra o mal. Deus non está na enfermidade: está no enfermo, animándoo, e nos que o coidan, chamándoos e apoiándoos. Non busca o noso sacrificio, senón a nosa felicidade para nós e para os demais.

-¿Que papel pode xogar tanto Deus como a Igrexa neste momento social e economicamente tan convulso?

-Se o soubésemos presentar algo mellor, comprenderiamos que este Deus está totalmente entregado á creación, á felicidade humana. Esperanza última, cando todo falla ou, como sucede hoxe, parece que pode fallar.

-¿Como está a polémica logo da notificación da Conferencia Episcopal para a Doutrina da Fe sobre os seus escritos?

-Teño a impresión de que a cousa está máis tranquila, e de que, cando estuden máis en serio a miña teoloxía, que é fraterna, cordial e positiva, deixarán preocupacións innecesarias. Neste sentido, o libro-homenaxe dos meus 70 anos, Repensar a teoloxía. Recuperar o cristianismo, onde moitos autores establecen un diálogo libre e sincero, espero que aclare cousas.

-Unha conferencia que ía dar no colexio maristas de Rosario (Arxentina) acaba de ser prohibida polo Arcebispado de alí.

-Si, alguén denunciou desde aquí, desde esas cloacas internéticas, sempre a sementaren odio e denuncias, por desgraza para todos, invocando o nome de Deus. Un bispo que descoñece todo isto fíxolles caso e prohibiu o local, contra o parecer dos maristas. A conferencia terá lugar noutro lugar. De feito, despois de asistir a un congreso de teoloxía no Brasil, van ser cinco charlas na Arxentina: Rosario, Buenos Aires e Santiago del Estero (cidade que, por certo, está irmanada co noso Santiago de Compostela).

andrés torres queiruga teólogo que presenta un novo ensaio

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

«O Deus no que creo non busca o noso sacrificio, senón a nosa felicidade»