«Hai que apostar polo certame para convertelo nun referente»

lorena franco bouza SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Gonzalo Iglesias

A charanga O Recobio, chegada do concello de Teo, será a encargada de crear ambiente de festival con un pasarrúas

22 ago 2012 . Actualizado a las 11:33 h.

Luís Tarrío é un dos responsables de que 18 anos despois da súa creación, O Recobio de Vaamonde sexa unha das charangas musicais máis afamadas da rexión compostelana. Xunto cos seus once compañeiros, Luís será un dos encargados de prender a lapa da curiosidade entre os veciños e visitantes que na tarde do próximo 28 de agosto se atopen nas rúas da zona vella santiaguesa para lograr que todos eles se acerquen ata a praza da Quintana a participar do Certame Folk con La Voz de Galicia.

-Tócalles exercer de frautista de Hamelin para lograr que a xente vaia ata A Quintana. ¿Que van ofrecer para captar a atención dos paseantes?

-Imos facer unha pequena festa nas rúas máis próximas, montar unhas pezas cantadas para que se xunte xente e ir tocando cancións populares, que sempre arman festa. Aínda que non saiban cantar, o de bailar sempre se contaxia e nós sempre sacamos a uns e outros a bailar.

-Son un grupo moi heteroxéneo. Os máis novos teñen nocións musicais pero, ¿e os maiores?

-Tocan todo de oído. O grupo naceu pola inquedanza de catro amigos que un día de festa compraron un bombo e decidiron buscar a alguén para que lles aprendese a tocar un instrumento, e así chegaron a min. Foi todo un reto. Era aprenderlle a tocar a gaita e outros instrumentos a xente sen ningunha noción musical, que nunca tiña collido unha frauta na man.

-¿Que lle parece a idea do certame?

-Moi boa. Se outras poboacións moito máis pequenas teñen un festival así, Santiago debería ser un referente porque o ten todo, ten Camiño, ten xente... Mira o que é Ortigueira e en que se converteu. Penso que desde o Concello tiñan que apoiar estas cousas. Hai que ensinar a nosa cultura e debería haber unha aposta forte polo certame, non escatimando. Ao mellor dentro de dez anos é un referente mundial. Pero temos que esquecernos de localismos e contar cos concellos limítrofes: con Boqueixón, con Vedra, Teo, Ames... Que involucren á xente da redonda de Santiago para que poidamos ter algo importante e a xente veña. ¿Que cada ano ten que ser nun concello? Pois tampouco é mala idea.

luís tarrío músico e cofundador do recobio de vaamonde