Que a terra lle sexa leve, Avelino

As asociacións e concellos amosaron as súas condolecias polo pasamento do barcalés

Avelino Pousa Antelo na súa casa dos Verxeles, no municipio de Teo.
Avelino Pousa Antelo na súa casa dos Verxeles, no municipio de Teo.
e. forján
Santiago / la voz

óbito as despedidas do galeguista pousa antelo

O falecemento do galeguista Avelino Pousa Antelo conmocionou a Galicia debido á importancia da súa figura. As persoas e institución coas que tivo contacto ao longo da súa vida expresaban onte o seu pesar.

Teo

Pesar pola perda do seu fillo adoptivo. O Concello onde Pousa antelo residía dende o ano 1990, amosou o seu pesar polo pasamento do seu fillo adoptivo e transmitiu as condolencias a súa familia. O corpo de Avelino Pousa velarase no centro sociocultural da Ramallosa, no concello no que viviu durante 22 anos. O goberno local asegura que durante o tempo que viviu no municipio mantivo unha intensa actividade social, polo que recibiu o titulo de fillo adoptivo hai cinco anos. Para que os veciños e amigos poidan dicirlle o derradeiro adeus realizarase un acto cívico de despedida as 19 horas na Casa do Concello.

A Baña

Bandeiras a media asta na Baña. As bandeiras oficiais da Casa do Concello de A Baña, municipio onde naceu Avelino Pousa Antelo, máis coñecido no Val de Barcala coma Lucho do Peto, ondean a media asta e con crespóns negros, en sinal de loito polo seu pasamento. O alcalde bañés, Andrés García Cardeso, sinalou que esta mañá ten previsto achegarse ata Teo oara expresarlle persoalmente as condolencias á familia do ilustre galeguista barcalés, ademais de remitirlle un ramo de flores. García Cardeso gabou a súa figura «destacada dentro do galeguismo, e cun gran papel no cooperativismo dun medio rural como é o noso, polo que lamentamos fondamente a súa morte». O BNG bañés lamenta que un dos seus fillos máis ilustres nunca recibise unha homenaxe institucional por parte do concello onde naceu, algo din «triste e lamentable, que dá boa medida da catadura moral dos alcaldes que tivemos».

Negreira

Lembranza en Negreira. A asociación de veciños A Barcalesa, da súa parroquia natal de San Xoán de Barcala, tamén expresaron o seu pésame cun emotivo «querido Lucho, os teus veciños de Barcala sempre te lembraremos». O Concello de Negreira, co que Pousa Antelo tiña unha vinculación importante, xa que participou en moitos actos culturais -sobre todo promovidos no seu día pola desaparecida asociación cultural Afonso Eanes- tamén expresou o seu pésame polo pasamento do intelectual galeguista. Un monolito de pedra cunha placa no parque infantil a carón do colexio do Coto, lembra a súa forte pegada na comarca de Barcala.

Fundación Castelao

A Fundación Castelao recorda a súa traxectoria como presidente. A Fundación Castelao, da que Avelino Pousa era presidente, tamén quixo amosar o seu pesar polo pasamento: «Avelino foi alento desta casa dende o momento da súa fundación e lamentamos o seu falecemento». A fundación aproveitou a ocasión para facer un repaso pola traxectoria do galeguista como presidente que compilou a obra completa de Castelao nunha edición para a editorial Galaxia, celebrou o 50 aniversario do pasamento do mesmo cunha exposición da súa obra pictórica e completou a catalogación do seu traballo.

escritores en galego

Os escritores galegos din adeus a un dos «Bos e Xenerosos». A Asociación de Escritores en lingua galega, que distinguiu a Pousa Antelo co nombramento no 2004 de Bo e Xeneroso, expresou o seu desexo de que o intelectual sirva como exemplo pola súa «loita sen descanso pola mellora material, cultural e social da nosa terra e da nosa xente».

USC

O reitor destacou o seu labor no agro. O reitor da USC, Juan Casares, sumouse as numerosos mostras de condolencia destacando: «O labor realizado por Pousa Antelo en prol da formación dos traballadores do agro, así como a súa achega ao mundo da cultura e o galeguismo».

Asociación de xornalistas

Avelino Pousa como xornalista. A asociación de Xornalistas de Santiago uniuse ás condolencias e recordou a labor de Pousa antelo como xornalista, que colaborou dende os anos 30 en A Voz de Barcala e publicou centos de artigos en distintas publicacións galegas sobre temas agropecuarios.

Máis información na páxina 31 da sección Cultura

Votación
1 votos

Que a terra lle sexa leve, Avelino