«Os que cambian á escola pública non perden calidade, ata a gañan»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Dende o inicio da crise ten aumentado a demanda de prazas públicas

19 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O regreso ás aulas está xa preto e pais e alumnos prepáranse para o curso dos recortes en educación: haberá menos profesorado, que traballará máis horas e con máis alumnos e o material escolar será máis caro. Fernando Lacaci, presidente da federación de Anpas de Santiago, cre que os recortes educativos non son máis que un «cúmulo de despropósitos».

-¿Hai carencia de prazas escolares en Compostela?

-Os datos que temos son aínda de finais do curso, pero as noticias falan de que as prazas nos colexios públicos están todas cubertas e quedarían en colexios que tradicionalmente teñen pouca matrícula, que aínda así medrou. Está a haber unha deriva de ir dos colexios privados aos concertados e dos concertados ao públicos.

-¿Consecuencia da crise?

-Obsérvase dende o curso do 2008-2009 esta tendencia de ir a onde poden pagar menos, que ademais ten un efecto chamada. Os que cambian da privada á pública non só non perden calidade, senón que a gañan, e iso vano dicindo a outros pais. Danse de conta de que hai por exemplo especialistas en diversidade ou que se o teu fillo ten problemas non o botan do colexio.

-¿Aínda hai prexuízos cara ao ensino público?

-Temos que traballar e xa hai excelentes campañas como a de Yo estudié en la pública. Somos moitos os que estudamos na pública e eu chamaría a pensar no que un ten ao lado, cos que un se relaciona e estudaron na escola pública, e incluso se inclina a balanza. Os rapaces conviven con xente de diferentes estratos sociais, ricos e pobres, con familias máis e menos formadas, e edúcanse no mundo real, saben no mundo no que van ter que vivir e ata entenden os seus propios vaivéns, teñen máis recursos para enfrontarse aos problemas.

-¿Como afrontan os recortes en profesorado?

-É un cúmulo de absolutos despropósitos. A educación é basicamente capital humano e ese capital chámase profesorado, un profesorado que quere ter dedicación específica cos alumnos. Non se pode tratar ao profesorado co criterio de producir parafusos. Ten que se un profesorado seguro, convencido no seu posto, que poida atender aos alumnos con individualidade para que a riqueza do ensino público non se converta nunha carencia. Isto non é unha fábrica onde se producen nenos con título e parece que o Goberno non entende que a educación é o gasto fundamental.

Fernando lacaci presidente da federación de anpas de santiago