«O 99 % dos policías queren estar do outro lado da manifestación»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

O Sindicato Unificado de Policía denuncia que os axentes sofren os recortes do Goberno central por partida triple

11 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Por segunda vez no último mes, os policías composteláns volveron concentrarse ante a comisaría de Rodrigo de Padrón para protestar contra os recortes que está a levar a cabo o Goberno central. Segundo denuncian, eles sófrenos por partida triple: como cidadáns, como funcionarios públicos e como policías. Alberto Martínez é o secretario local do Sindicato Unificado de Policía, convocante das protestas, que continuarán nos próximos meses.

-Nas súas concentracións denuncian os recortes do Goberno, pero tamén os de medios materiais.

-Si, porque sufrimos, ademais dos recortes económicos, recortes de medios e de persoal. A falta de policías vaise notar no futuro, cando comece a haber xubilacións, porque antes saían cada ano 5.000 novos policías e agora só uns 200. Nós reclamamos chegar aos 300 policías en Santiago, pero así é difícil. Agora somos un 245.

-¿Hai falta de medios materiais en Santiago?

-Hai moitos vehículos que non se reparan por falta de orzamento e comprar novos xa nin se di. Hai algúns que levan máis dun ano cun espello roto, ou cun golpe, ou unha xanela que non se abre.

-A comisaría acábana de estrear. ¿Tamén ten carencias?

-Investiron sete millóns de euros e temos un ximnasio que lle chamamos dos pitufos, porque é pequeno, non ten maquinaria e non se usa.

-Agora están protagonizando concentracións, pero hai quen lles bota en cara que logo reprimen a outros manifestantes.

-Nós non temos recoñecido o dereito a folga nin outro mecanismo semellante, pero sentímonos como o resto dos cidadáns. Nesta ocasión tocounos a nós e creo que os cidadáns comprenden a situación na que estamos, porque somos un corpo xerarquizado e temos que cumprir ordes. Pero o 99,9 % dos policías que están nas manifestacións quererían estar do outro lado.

-¿Por que cre que aínda non se unificaron a Policía Nacional e a Garda Civil?

-A verdade é que non sabemos por que non se abriu un debate serio, porque sería un aforro de persoal, de duplicidade de instalacións e vehículos.

alberto martínez secretario local do sup