«A xente sentíase libre ao escoitar a música da movida»

lorena franco bouza SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Gonzalo Iglesias

O musical «Galicia Caníbal» recolle as cancións dos grupos que nos anos 80 deron sona ás noites galegas

19 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Santiago goza por fin da Galicia Caníbal máis descarada. Dende hoxe ata o sábado é posible ver no Auditorio de Galicia (ás 21 horas) o musical que tras dito nome agocha unha homenaxe aos grupos galegos que deron sona á movida xurdida en Vigo nos anos 80, como Siniestro Total, Aerolíneas Federales, Golpes Bajos... O polifacético Quico Cadaval é o director escénico.

-¿Como xorde a idea de converter a movida galega nun musical?

-Había un capital importante, tanto emocional como musical e artístico, que segue tendo valor. Decidiuse facer un espectáculo e darlle unha forma argumental máis que de concerto. Trátase de amosar a creatividade desa época.

-Na dificultade adoita aflorar a creatividade. Tendo en conta a situación actual, ¿xurdirá outra nova «Galicia Caníbal»?

-Nas épocas difíciles sempre hai dúas posibilidades: que haxa unha creatividade explosiva ou que haxa unha depresión. Ti decides se te deixas arrastrar ou se reaccionas. Creo que agora pode pasar algo, pero o importante nos 80 non é que houbese catro grupos de rock en Vigo, o importante é que había unha sociedade disposta a vivir esa experiencia. O espectáculo fano os artistas e o público, que ten o seu compromiso. A xente non pode dicir «non hai nada por aí». Hai moitas cousas por aí. Todas as noites podes ver algo, outra cousa é se ti queres destinar parte da túa pouca pasta a iso.

-¿Por que recomenda velo?

-Pedirlle a alguén que gaste o seu diñeiro pode parecer frívolo, aínda que penso que asistir a espectáculos é unha necesidade. Máis ben animaría a xente a convidar a alguén a velo. Se convidas a alguén vaicho agradecer moito porque son dúas horas e media de enerxía, de estímulos e de alegría.

-Despois marchan coa obra a Madrid. ¿Cre que van repetir éxito nunha cidade na que xa hai tanta oferta de musicais?

-Hai moitos, pero non hai nada parecido. Este é un espectáculo de rock dentro dunha trama teatral, pero non adaptamos nada. Ofrecemos o espírito artístico da época, transformalo noutro estilo sería estafar a todo o mundo. Aquí o importante non é a música viguesa dos 80 senón o seu efecto carnavalesco, festivo e provocador. A xente sentíase máis libre cando escoitaba esa música e iso non cho dá ningún outro musical.

-Pode que a xente de Madrid faga unha asociación entre a súa movida e a viguesa.

-Este é un espectáculo coa música da movida viguesa pero non sobre a movida. De todas formas a movida madrileña foi moi interesante e alguén tería que facer o espectáculo. Nós por moita pasta podémosllo facer.

-Ao final mandan os cartos?

-A cousa púxose moi difícil. Fan falla os cartos para outras cousas e agora a Administración acórdase de que o espectáculo é algo banal. Pero non te preocupes, o espectáculo vai continuar.

quico cadaval director escénico de «galicia caníbal»