«O 40 % dos pais nas cidades queren o ensino en galego»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O movemento de renovación pedagóxica que lidera asinou un convenio para asesorar escolas infantís no idioma

11 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Nova Escola Galega (NEG) asinou onte un convenio coa asociación Galiza co Galego, polo que lle prestará asesoramento pedagóxico para os centros que promova a cooperativa popular de ensino Avoaescola, aprobada hai uns días en Compostela. As dúas entidades coinciden en que faltan oportunidades para a escolarización en idioma galego «sobre todo nas etapas infantís, pois non está garantida» afirma Dolores Candedo.

-¿En que situación está o uso do galego no ensino obrigatorio?

-O decreto de plurilingüismo significou un paso atrás. Non é certo que houbese excesiva presenza do idioma, que se impuxese nos centros ou que o castelán estivese ameazado. A Xunta presentou un relatorio no Parlamento onde afirma que o que estaba previsto para as diferentes linguas se cumpre, e nós non temos datos concretos para verificar iso neste primeiro ano de aplicación do decreto. Si temos evidencias da comunidade educativa de que o 40 % dos pais nas cidades queren o ensino en galego e esa petición non se atende. Valoraremos a posibilidade de actuar con outras organizacións para conseguir un maior equilibrio en castelán e en galego.

-¿E no ensino universitario?

-A Universidade non ten unha regulación específica, aínda que conte con planos de normalización lingüística. Non establece cotas mínimas para o galego e descansa moito na voluntariedade do profesorado, por iso en certas titulacións hai un maior desempeño en galego.

-¿Como ve hoxe a polémica sobre o decreto de plurilingüismo?

-Houbo discusións prexudiciais, por exemplo para o uso do galego no ámbito científico: o Informe PISA daba boas avaliacións en Ciencias e eran vehiculadas en galego. O Plan Xeral de Normalización recomendaba que as matemáticas ou a tecnoloxía fosen en galego, e o decreto favorece unha liña contraria a iso.

-No 2013 Nova Escola Galega fai 30 anos, ¿que proxectos teñen agora?

-Persistimos na defensa dunha escola atenta á diversidade, inclusiva, pública, e veremos como chegar á opinión pública, ao profesorado e ás Administracións con esas propostas. Temos proxectos para a formación permanente, e para renovar recursos para as aulas; e continuaremos coa Revista Galega da Educación. Fomos recoñecidos cos premios da crítica e o Pedrón de Ouro, e estamos declarados de utilidade pública, a aínda así é difícil conseguir axudas.

MARÍA DOLORES CANDEDO PRESIDENTA DE NOVA ESCOLA GALEGA