«Moitos pais falan galego cando ven como o fan os seus fillos»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

A USC e a Xunta resaltan o proxecto educativo da escola infantil

08 abr 2012 . Actualizado a las 07:08 h.

O modelo educativo da escola infantil Raiola é destacado nun recente volume editado pola USC e a Consellería de Educación sobre planificación lingüística nos centros de ensino non universitarios. «Todas as actividades as facemos en galego; tamén a tramitación administrativa e os recursos didácticos que usamos co alumnado, pois cada vez hai máis na nosa lingua», afirma Rita Iglesias, que coordina o proxecto lingüístico e leva 24 anos no centro.

-¿Como se chegou a esta situación?

-Raiola comezou hai case 40 anos, en 1973, como unha escola de barrio. Incorporou o galego desde o inicio, en parte por innovación pedagóxica, pois foi cando se comezou a ensinar na lingua dos nenos. Mantemos uns principios, que se transmiten e conservan, e que asumen os pais e as nais. E a escola non é só a lingua, senón toda a práctica educativa, pois sen ela non sería efectivo o idioma.

-¿Inflúe na demanda do centro ese uso da lingua?

-Este curso temos unha aula de 1 ano, con 13 escolares; dúas de 2 anos, con 20 cada unha; unha de 3 anos, con 25; unha de 4, con 18; e outra de 5 anos, con 16. As de 1 e 2 anos están concertadas con Traballo e Benestar, e as de 3, 4 e 5 anos con Educación. O centro gañou en capacidade cos anos e ten agora máis alumnado.

-¿En que etapa usan máis o galego?

-É a lingua vehicular, tanto no primeiro ciclo [1 e 2 anos] como no segundo [de 3 a 5 anos]. No segundo, a maioría dos nenos son galegofalantes. Hai familias castelánfalantes que veñen aquí precisamente para que os seus fillos aprendan o galego. Son conscientes de que na nosa sociedade un neno pode estar constantemente en contacto co castelán, e non existe a mesma posibilidade para o galego. Así, os nenos galegofalantes utilizan o galego na escola nunha situación diferente á da casa; e os castelánfalantes aprenden o galego, pois é o único lugar que teñen para o aprender.

-¿Como responden as familias?

-Hai pais e nais castelánfalantes que se implican moito no centro e coa lingua galega. Saben que aquí os seus fillos poden aprender o galego dunha maneira moi emotiva. Ás veces os castelánfalantes tiran polos galegofalantes para potenciar a lingua e hai moitos pais e nais que deciden falar galego cando ven como o fan os seus fillos.

-¿Como é a práctica lingüística no traballo nas aulas?

-Cada neno fala na lingua que quere, o importante é a inmersión lingüística que fan no xogo, ao ter actividades de neno, non estar sentado facendo fichas senón xogar, convivir, nas relacións, ao cooperar, arranxar conflitos, ou ao comunicarse con todo o persoal do centro. As aulas e o centro están abertos ás familias, que poden entrar e saber o que acontece en todo momento na escola. Hai un contacto moi directo. Todo funciona se pais, nais, profesorado, persoal e escolares traballamos en conxunto na mesma dirección, e o galego é a nosa lingua, que temos que coidar e que conservar.

RITA IGLESIAS DOCENTE De RAIOLA