A arte de nomear o mundo: «A xente debe ser consciente de que ten unha palabra que dicir. Hoxe estamos rodeados de eufemismos»
SANTIAGO
Luz Pozo e Estíbaliz Espinosa reflexionan sobre a crise, o sexismo e a diferenza dun alento creador que perdura na palabra
13 ago 2026 . Actualizado a las 18:15 h.No número 5 da rúa Tabernas, entre o silencio e a angostura de pedra dos que escribiu Emilia Pardo Bazán hai 150 anos, segue alzada a memoria da «condesa rebelde». Xunto á Real Academia Galega, institución á que ela deu casa. A muller que revive agora na gran pantalla interpretada por Susana Dans reinou con actitude, entre cadeiras ás que cómpre achegarse co mesmo coidado que ás sentenzas doutros séculos. Nesta casa-museo da Coruña hai lenzos de familia que evidencian a concentración do mundo nun rostro que mira a vida dende un ático, e reloxos xeorxianos que non marcan a mesma hora para os homes e as mulleres. Na casa de Emilia Pardo Bazán, óleos e tapices dan conta dun pulo feminino que sobreviviu a un tempo que, en palabras da autora de Tribuna, limitou á muller «haciéndola más pequeña aún que el tamaño natural y manteniéndola en perpetua infancia». A roldana da condesa, escultura que adquire o nome da autora da peza, María Luisa Roldán, garda elocuente silencio. Sen obviar a Angela Merkel, o mundo segue en mans de homes. «As mulleres aínda non chegamos a acadar o poder. Houbo un tempo no que elas eran as que gobernaban todo, pero iso pasou á historia», di a académica Luz Pozo (Ribadeo, 1922). Poeta dende nena, por tradición familiar ou por herdanza xenética, a autora de Códice Calixtino ten unha lixeira distancia xeracional con Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974). Espinosa é unha «escritora á que lle gusta facer prosa contaminada de poesía», como di ela cun brillo nos ollos que fai pensar nunha presiña de canicas. «Hai tantas mulleres que gobernaron o mundo con man de ferro que non sei? Algunhas, como Margaret Thatcher, fixérono reproducindo o modelo dos homes -afirma a autora de Papel a punto de-, aínda que penso que as mulleres non se meterían nunha guerra. A pulsión bélica ten moito que ver coa testosterona». «Si -di Luz Pozo-. Eles teñen un instinto máis forte».
Pregunta. ¿Non somos iguais homes e mulleres?
Luz Pozo. Non. Fisioloxicamente somos distintos. O sexo imprime carácter.
Estíbaliz Espinosa. Pero tamén é cousa de educación, de xénero. Ese mito da muller monógama e o home polígamo? eu non sei... L. P. A muller non é tan promiscua como o home. A promiscuidade non é propia dela. En canto á educación, pouco fai. A miña foi moi estrita, porque miña nai se educou toda a vida en colexios católicos. Houbo tempos nos que as señoritas non podían andar soltas pola rúa e tiñan que moverse sempre acompañadas, dunha monxa, por exemplo. Na miña casa non se podía falar de roupa interior. Daquela había moita loita interior entre educación e sentimentos.
E. E. Hai algo educativo na nosa maneira de sentir, é como se se nos conducise, ás mulleres, a deixarnos levar polos sentimentos. Penso que ten tanta importancia a fisioloxía como a educación.
L. P. A educación é magnífica sempre que non queira estar por riba dos sentimentos.
P. Unha das formas consolidadas de plasmar os sentimentos é a poesía. O 21 de marzo celébrase o seu día mundial. Disque dende hai vinte anos vívese un movemento en favor da poesía. ¿Está deixando de ser un xénero para minorías?
L. P. Hai xa como corenta anos que a poesía esperta moito interese. E hoxe non penso que sexa un xénero minoritario, senón todo o contrario.
E. E. O que ocorre hoxe é que non se demanda tanto a poesía no formato clásico de libro como noutras formas máis novas. Internet supuxo un gran cambio nisto. A Rede permite que teñas acceso a moitos retallos, a moitos poemas. Iso ten un efecto de potenciación do feito poético. Tamén porque hai unha especie de saída da poesía do papel. Hai unha volta á oralidade.
L. P. Iso comezou ocorrer xa despois da guerra, cos cantautores. Daquela a poesía era un fervedoiro, co esplendor dos recitais, pero adoitaban ter un tinte político e social. Recordo que con Longa noite de pedra, a universidade encheuse de xente de todas as idades. Naquel tempo, Celso Emilio Ferreiro era un deus. Agora rebaixouse un pouco o gusto pola súa poesía porque cambiou o espazo político. Vivimos un momento socialmente negativo?
P. ¿Como saímos de aquí, desta crise? ¿Que achegan as poetas?
L. P. Iso é algo que non depende de nós.
E. E. Pero non perder a palabra é moi importante.
L. P. A política non pode facer nada. Hai entidades por enriba que alimentan o capitalismo que nos levou á ruína. As estruturas non deixan de repetirse.
E. E. Mais penso que é importante que a xente sexa consciente de que ten unha palabra que dicir. Non estamos máis que rodeados de eufemismos.
P. O debate en torno á visibilidade da muller e o sexismo lingüístico ten que ver con iso, ¿non?
E. E. Claro. Con chamar as cousas polo que non son para enganarnos. Non se lle chama perda de emprego senón ERE, por exemplo. Vernízase a realidade coa linguaxe, pero a xente non é parva. O feito de ser unha sociedade máis culta que hai cincuenta anos, como a que somos, nótase.
L. P. Agora estamos máis espiados, máis controlados. Todo depende dos grandes trust, dun capitalismo que non coñecemos de todo, de sociedades invisibles.
P. ¿Percibe o poeta o mundo, a realidade visible e a que non o é, dunha forma diferente ao resto das persoas?
L. P. Si. A poesía significa crear, é un enxendramento de algo capaz de conmover. Cada poeta ten a súa propia cosmovisión. Ese é o núcleo. Todo o mundo dispón dun lapis e un papel, pero non todos enxendran poesía?
E. E. Non todo o mundo dispón de lapis e papel. E escribir é máis que iso. A sensibilidade poética non é algo exclusivo dos poetas. Un publicista, un deseñador gráfico, un fotógrafo, un físico ou un astrofísico teñen tamén unha forma diferenciada de ollar o mundo. Penso que hai unha maneira de ver o mundo común a moitos seres humanos, con independencia da súa vocación ou oficio.
P. Un poema non ten necesariamente corpo de estrofa, ¿ou si?
E. E. Clarice Lispector é poeta aínda que non escribiu un libro de poesía na vida. Para min, escribindo prosa, ela é unha das grandes poetas. Hai un sentir poético que adopta moitas formas. A poesía é un xénero mutante. Este é un bo momento para o sentir poético. Con Internet, a poesía está sacando os seus tentáculos. Os blogs e as redes sociais son xa dúas canles poéticas moi utilizadas.
P. ¿Poesía é comunicación?
L. P. Dicía Aleixandre que a poesía é comunicación, pero, en cambio, Valente fala do poeta como un ser pechado nun lugar sen rendixas cara o exterior. A poesía é iso que se move entre a comunicación e o hermetismo.
E. E. Preocúpame iso, o hermetismo poético. É triste non poder comunicar o que queres. Sobre todo, a quen queres.
P. ¿Ten o poeta o don da transcendencia?
E. E. A poesía é a palabra feita, creada, para durar. Hai niso un afán de permanencia coa palabra, sen pasar por alto outra finalidade da poesía, que é poñernos en comuñón coa natureza e con nós mesmos. Entendo a poesía moi próxima á ciencia e á filosofía. A poesía ten algo filosófico que entronca coa nosa visión de ver o mundo, pero hai outras formas, outras sensibilidades poéticas.
L. P. Eu non quero dicir que a retórica sexa el no va más, pero penso que todos os escritores somos mitólogos. O que non é mitólogo non pode facer boa poesía.
E. E. ¿Mitólogo no sentido de enxendrar mitos?
L. P. No sentido de ter os propios mitos. Mitos interiores.
E. E. Penso que basculamos entre o mito e o recoñecernos pequenos no universo.
L. P. O ser humano é moi importante. Se lle quitas a alma, qué queda...
Os ollos de Luz Pozo e Estíbaliz Espinosa miran de fronte. As dúas naceron no mes de xullo, son nais, e quérenlle ao mar. Un substantivo que tamén é feminino.