Chévere agarda crear «unha cultura viva e participativa» como residente en Teo

m. beceiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

A compañía abrirá a programación en marzo cunha sesión «Ultranoite»

29 ene 2012 . Actualizado a las 07:01 h.

A partir de marzo o concello de Teo será un dos tres únicos municipios de Galicia que contará con compañía teatral residente, xunto cos de Ourense (compañía Sarabela Teatro) e Narón (Teatro do Morcego). Teo acóllese así ao modelo posto en marcha pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no ano 2009.

A compañía Chévere cambia o seu domicilio social a Teo, pasando de ser compañía residente de Compostela a selo de Teo, tras non lograr manter a subvención do Concello da capital galega co novo goberno. «O que necesitábamos -explica Xesús Ron, xerente da Nasa, sobre o proceso que os levou a Teo- era a cesión dun espazo para facer actividades e continuar como compañía residente».

Ante esta situación que abocaba a Chévere a perder a axuda da Xunta, Chévere presentou sendas proxectos de compañía residente aos concellos de Ames e Teo, descartando o primeiro esa posibilidade, por recortes orzamentarios, e sendo apoiado desde o primeiro momento polo segundo. «Para un concello de tamaño mediano como Teo ou Ames supón unha oferta interesantísima», comenta Ron. En ese sentido, destaca que Chévere equiparará tecnicamente o Centro Sociocultural da Ramallosa, espazo de residencia da compañía. «Ademais -apunta-, en Teo tamén valoran ter unha compañía como Chévere, que actúa por toda a Península e que celebrou o 25 aniversario, un xeito de prestixiar culturalmente ao concello, algo que en Santiago desprezaron totalmente».

Outro aspecto positivo que resalta o actor da Chévere é que con este proxecto Teo accederá á rede de espectáculos da Xunta. A programación, aclara, «non será da mesma intensidade que a da Nasa», pero haberá tamén Ultranoites -a apertura en marzo será cunha destas sesións-, programación de teatro e danza, os «Obradoiros do espectador», proxeccións de curtametraxes de cine e de audiovisuais galegas e o campamento de verán Nanoteo. Ademais, os espectáculos de Chévere estrearanse en Teo, estando a prevista a estrea da súa nova produción a finais de ano. A compañía comprométese tamén a organizar actividades de teatro, danza e música nos centros de ensino do concello.

Moitas máis ideas espera levar a cabo Chévere, entre elas dispor dun servizo de autobuses comarcal, con entrada de ida e volta. Xesús Ron considera «ilusionante traballar nun concello pequeno como o de Teo» e espera «demostrar que desde os concellos máis periféricos se pode crear unha cultura viva, participativa e de actualidade».