«É INEVITABLE QUE A PINTURA SEXA O RETRATO DA VIDA»

La Voz

SANTIAGO

MERCEDES ROZAS CONVERSA CON ANTÓN LAMAZARES, UN DOS AUTORES GALEGOS MÁIS INTERNACIONAIS, QUE ACABA DE INAUGURAR EN LEÓN A MOSTRA «DOMUS OMNIA»ANTÓN LAMAZARES | PINTOR

31 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Dende o mesmo momento que a arte o adoptou, Antón Lamazares non fixo máis que como un bo e agradecido fillo devolverlle os afectos, mimándoa para non perder a súa confianza. A pintura recoñeceuno como seu e el recoñeceuse nela, levan o mesmo sangue e móvense baixo o mesmo impulso, o da creación. Rastrexándoa, o pintor camiñou por medio mundo, Madrid, Nova York, París, Berlín... unha biografía axitada na que non faltaron as dúbidas e os medos; tras eles sempre arribaba a certeza que impoñía o dominio dos pigmentos sobre o cartón, a evocación da paisaxe nos verdes resplandecentes ou deixaba que a poesía se entremetera por todas as partes para falar dos eidos de Rosalía ou dos sentimentos ingrávidos.

Lamazares acaba de inaugurar na galería Ármaga de León a súa última exposición, na que espide con tenrura a memoria. Domus omnia non é máis que o retallo dunha intimidade familiar, que quedou varada no recuncho lalinense de Maceira un día de 1972, cando decidiu saír en busca de respostas.

-Dicía Luis Seoane que «o pintor pregunta e responde pintando». Vostede tomouno ao pé da letra.

-É certo. Un pregúntase e respóndese pintando, e faise tamén pintando. É a forma que un ten de afondar nos seus sentimentos, de mergullar nos teus, na túa cultura e no teu pasado, no teu hoxe e no teu mañá.

-Por iso en cada nova proposta dalgún xeito sempre aparecen retratadas as pegadas que vai deixando a vida.

-É inevitable que a pintura sexa o retrato da vida, dos afectos, dúbidas, sentimentos? Esa en definitiva é a gran verdade da pintura.

-Aínda así parece difícil navegar na élite da arte e non negar eses humildes pasos iniciais, como son o de nacer nunha aldea do Deza, criarse nunha familia vinculada ao campo, que o seu primeiro silabario llo ensinen os franciscanos de Herbón....

-A miña riqueza está aí, nas raíces dunha familia labradora, na educación franciscana que recibín. Ese é o único canto que levo dentro de min, que creo que é un canto precioso, que, en todo caso, é o único que podo ofrecer. Pero, si, é certo que non sempre foi doado. Porque na arte contemporánea ás veces cando falas de san Francisco ou das túas raíces labradoras parece que estás de broma. Algúns cren que a modernidade é falar só das estrelas ou de China, ou de Hong Kong, por dicir algo. Mira, cada un leva a súa canción, e se es capaz de afondar nela es verdadeiro, universal, e se non es capaz, entón é mellor dedicarse a outra cousa.

-Neste sentido hai un parágrafo de Juan Carlos Mestre escrito para o catálogo desta exposición en León que recolle ben este tema, di: «Hay historias que solo le pueden pasar a un hombre que haya vivido cerca de un molino y tenga el corazón como un corral lleno de tablas y cartones».

-Si, non se pode definir mellor a carga emocional da miña pintura. Teño a sorte de ter de amigos a uns poetas que son uns visionarios, e ese é tamén o gran campo da poesía, o que nos ata e nos envolve a tantos.

-Unha das súas series máis coñecidas, «Pezas bifrontes», están pintadas polas dúas caras do cadro, son como a vida.

-Eu creo que a vida ten moitas presenzas. Ten o día e a noite, a tristeza e a alegría, a vitoria e o fracaso, a morte e a vida, amigos e inimigos? ¡Hai tantas caras! E a min gústanme todas, e todas están de algunha maneira na miña pintura. Porque teño unha pintura aberta a todo, tanto canto o día de Reis coma o carnaval ou o Xoves Santo, ou o outono coma o inverno. Todas as miñas vivencias están aí.

-Empezou moi novo a relación coa poesía e a literatura. Nisto axudoulle moito o azar, porque non é doado toparse de cara con autores como Cunqueiro ou Carlos Oroza.

-¡Ah!, iso si que foi unha gran sorte. Ben é certo que ti naces con algo, logo ti vas buscando o camiño e despois Deus ponte no lugar que quere. Ter aí a Cunqueiro ou Oroza é unha bendición, como ter a Laxeiro e a Pesqueira, os meus mestres. Pero bueno, en todas as culturas e todos os pobos hai grandes creadores e a túa obriga é acercarte a eles para aprender. É unha forma de construírte. Pensa que de igual maneira con ir a unha biblioteca e achegarte os clásicos xa non necesitas máis.

-Isto o sabe ademáis por experiencia, porque durante anos vostede empapouse dos versos de Juan Ramón Jiménez, Cernuda, William Blake, Hölderlin, Rilke...

-Xa ves, aí están. E nós no jallejo temos xente fantástica, grandes da poesía e da literatura. ¡O que me tiña gustado coñecer a min a Pimentel! A súa obra é extraordinaria.

-A Oroza ilustroulle o libro «Un sentimento ingrávido percorre o ambiente». Parte desta obra gráfica é da serie «Os escudos», á que pertence tamén a portada do especial 130 anos de La Voz de Galicia.

-Efectivamente, esta serie naceu de casualidade. Eu teño un veciño, Alfredo Rodelas, que é unha persoa que aprecio e quero, que ademais é canteiro escultor e fai escudos. Estando eu en Berlín no meu estudio acordeime del e decidín empezar unha serie dedicada ao tema. Así xurdiron pezas como a desta portada onde conto as miñas cousas, cousas que aparecen polo afecto aos teus, que ao final son o motor que te leva a pintar.