«Os cultos aos dous Santiagos foron sintetizándose nun só»

M. BECEIRO SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

O historiador presentou o seu libro sobre os dous apóstolos

20 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O Paraninfo da Universidade acolleu onte a presentación do libro Santiago de Santiago. Dos Apóstoles al final del Camino, de José Manuel García Iglesias, editado polo Consorcio de Santiago, no que se expón como «en Compostela, desde o século XII, houbo culto a dous Santiagos: Santiago O Maior e Santiago O Menor, os dous apóstolos».

-¿Por que se chegou a esta situación de render culto a dous Santiagos?

-Nun primeiro momento, desde o descubrimento da reliquia, fálase de Santiago O Maior, pero despois, con Gelmírez, chega a cabeza de Santiago O Menor. É a partir de aí é cando existe un culto aos dous apóstolos, ata tal punto que na cripta está Santiago O Menor e no Pórtico da Gloria Santiago O Maior.

-De todos xeitos, iso parece que non foi un problema para o culto.

-Os dous cultos foron sintetizándose nun só, converténdose no culto ao apóstolo peregrino e nada máis. O libro, entón, intenta desglosar unha figura da outra, e que na figura de Santiago O Maior apareza unha valoración da súa maneira de interpretalo desde dúas perspectivas: como un fundador dunha igrexa, un peregrino, e despois o Santiago ecuestre, Matamoros. O libro complétase cun capítulo sobre Santiago O Aparecido, e despois cun capítulo dedicado a Santiago O Menor.

-¿Cal é conclusión ou a tese á que chega o seu libro?

-A tese é que os grandes arcebispos apostaron por ese dobre culto, e sobre todo Alonso II de Fonseca. Iso de ser igrexa dobremente apostólica vén a aproximarse á imaxe da basílica de Xerusalén, por unha parte, e remitirnos a Roma, onde si hai dous apóstolos: Pablo e Pedro. En Santiago tamén hai dous: Santiago O Menor e Santiago O Maior.

-Pero a grande maioría da xente que acude a visitar ao Apóstolo é allea a esa dobre iconografía e dobre culto polo que apostaron os arcebispos.

-Co tempo chega a mimetizarse unha imaxe coa outra, e cando se representa na fachada do Obradoiro chégase a vestir coa indumentaria dun peregrino.

-¿A iconografía foi, logo, evolucionando segundo o momento histórico?

-En cada época hai unha imaxe dun santo que se representa de maneira distinta, segundo a mentalidade de cada momento. Agora, de todas as imaxinerías de Santiago, a que máis identifica a sociedade é a imaxe do peregrino, que é dominante.

josé manuel garcía iglesias catedrático de historia da arte