Robin Hood está de xira

Ana Abelenda ana.abelenda@lavoz.es

SANTIAGO

A lenda sae a escena nunha representación que invita ao público a participar

16 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Espontaneidade, humor, música e linguaxe corporal son algúns dos ingredientes que mestura a compañía de teatro en inglés Face2Face na súa posta en escena. Formada por un equipo de profesionais do ensino e o teatro procedentes do Reino Unido e Norteamérica, a compañía ofrece desta volta, da man da Fundación Novacaixagalicia, un novembro de teatro, no que están chamados a participar os escolares de segundo ciclo de primaria de toda Galicia.

É a arte de representar historias á que centra esta nova proposta para divertir aos máis novos sen renunciar a formalos. Nas funcións da Face2Face, a acción está garantida. Por actores e espectadores. Os membros do público convértense en parte dun equipo que entende a risa como a mellor terapia para relaxarse e utilizar o idioma sen complexos, con esa naturalidade que ás veces se resiste nas aulas.

As obras desta compañía están integramente en inglés, o que obriga aos espectadores a pensar e desenvolverse neste idioma. A escenografía das pezas é minimalista; os actores, moi versátiles, e os seus xestos, un apoio para a comprensión da historia.

A obra que agora está de xira por Santiago, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra é Robin Hood, ese arqueiro de gran corazón que se propuxo facer xustiza pola súa conta. Disque vivía fóra da lei no bosque de Sherwood, preto da cidade de Nottingham e que un avaro sheriff era o seu principal antagonista. A súa lenda, que coñece numerosas adaptacións literarias e cinematográficas, inspirou a película de Ridley Scott estreada hai un ano.

AS CITAS

Da man dos actores de Face2Face os rapaces poderán ser partícipes da aventura dun Robin Hood que fala a súa lingua orixinal. A obra representouse o día 14 en Ourense; está ata o 18 no Auditorio do Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo. En Pontevedra representarase o 21 e 22 de novembro (Auditorio del Centro Social Novacaixagalicia); visitará o Auditorio Gustavo Freire de Lugo o día 23, e o 24, o Auditorio Novacaixagalicia de Santiago.