Martín Camiña: «Sempre levamos no peto moedas ou a baralla»

PATRICIA BLANCO< / span>

SANTIAGO

No seu tempo libre dá «unha volta» pola zona dos Castros, onde vive, pero tamén lle gustan, entre outras cousas, a lectura e o cine.

19 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

| É un profesional da maxia, pero os seus gustos de ocio son sinxelos, accesibles aos demais, sen trucos. «Máis ou menos coma calquera», segundo el di. Martín Camiña naceu o 24 de decembro de 1978, día de Noiteboa. É de O Santo (en Nantes, Sanxenxo), «o lugar máis fermoso do concello», afirma. Non obstante, hai cousa de ano e medio que vive na Coruña, de onde é a súa parella. A día de hoxe, e dende non hai moitos meses, está empadroado na zona dos Castros, por onde lle gusta saír dar unha volta e tomar algo cando pode. Adoita achegarse tamén ata Caión e Baldaio. Gústalle esa costa, aproveita para degustar unhas tapiñas e, cando o tempo é bo, para darse «algún que outro chapuzón, porque a praia nesa zona resúltame moi tranquila».

Nestes meses de xullo e agosto ten os domingos ocupados coas visitas guiadas con maxia que el e outros compañeiros ofrecen pola Cidade da Cultura, pero se ten un oco, ademais desas «voltas» por onde vive, tamén lle gusta ler. E o cine. O último libro que pasou polas súas mans foi El viaje al poder de la mente, de Eduardo Punset, pero son do seu agrado autores como Edgar Allan Poe ou Dickens, por exemplo. Do cine atráenlle os clásicos, pero aínda así ten un abano amplo: os irmáns Marx, Chaplin, Stanley Kubrick, Woody Allen, Orson Welles ou Tarantino, entre outros.

Cando é posible, a maiores, proxecta algunha que outra viaxe: informativa e formativa a poder ser, para aprender o que se fai no sector da maxia noutros países, pero tamén lúdica, obviamente. Para iso tamén lle serven as actuacións por Galicia adiante. Recoñece que, se ten algún espectáculo e pode, trata de achegarse ao lugar con tempo: «Non ir e vir na mesma xornada, senón que se tes unha actuación en Fisterra, Malpica, Burela, Pedrafita... ou onde sexa, pois quedar alí dous ou tres días».

As súas fins de semana dependen, pois, da época. Soen ter actuacións, «aínda que no verán nós non adoitamos ter un repunte de delas, porque traballamos moito con institucións públicas, empresas...», matiza. Martín Camiña, actual presidente da Asociación de Magos Profesionais de Galicia, anda ao mesmo tempo preparando un novo espectáculo no que conxugar música en directo e maxia -na liña de A outra realidade, que unía teatro e maxia-, pero ademais agora ten algo novo que o ocupa: será pregoeiro por primeira vez e, por riba, nas festas patronais de Sanxenxo, as de San Xinés. Adianta que será un pregón máxico-monólogo.

Na súa profesión, ensaian «bastantes» hora ao día e, aínda que tamén algún descansan, «o que nunca se deixa de traballar é o sorriso e o contacto co público, porque finalmente é el o que cre na existencia da maxia». Por iso, di, «sempre levamos no peto moedas ou unha baralla».