O Via Stellae baila Swing e dedícalle música a Venecia

Iria Ameixeiras SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

19 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«Hai un par de anos que o Via Stellae vén ofrecendo novas alternativas», comenta José Víctor Carou, director do festival. Na sala Capitol toca hoxe, ás 23 horas, The Ray Gelato Giants, a banda británica liderada polo «padriño do swing». Así mesmo, antes da gran estrea da música de fraseo, encherá o Teatro Principal, Il Giardino Armonico, cun concerto dedicado a Venecia ás 20.30 horas, seguindo a particular visión do Barroco coa que naceu o festival, hai agora seis anos.

No ecuador desta edición, Carou fala con «satisfacción» dos primeiros concertos, non só a nivel artístico, senón tamén en termos de asistencia. O director destaca a «estrea mundial» de Canco López e a «experiencia de primeira orde» que supuxo para o evento o rock & roll de Siniestro Total. Ao combinar este xénero coa aposta de López de Greña, a música «verdadeiramente, emocionou», di Carou.

Mestizaxe

Esta noite, co debut en Galicia de Ray Gelato, que está considerada unha das «mellores bandas do swing», no ciclo off Stellae escoitaranse cancións de filmes coma Scandal ou The perfect man. Coa exhibición, tanto de pezas de swing, como jazz ou rythm & blues, o Via Stellae quere poñer de manifesto que «mantén os ollos ben abertos» para fomentar a creación musical. De aí, a mestizaxe do enxebrismo celta con instrumentos barrocos, que xa se deu en anteriores edicións.

«A programación non se pode estancar», lembra o director, pero tampouco esquece as súas raíces, e para iso convidan a Il Giardino Armonico, unha das agrupacións máis prestixiosas no eido da retórica sonora do XVII. Tocarán danzas, sonatas e concertos dirixidos por Giovani Antonini, virtuoso da frauta. O grupo, que saltou á fama nos 90 cunha particular versión das Catro estacións de Vivaldi, xa participara anteriormente no festival. O prezo das entradas é de 10 euros.