«O que Murguía sabía de música era grazas á súa filla»

Iria Ameixeiras SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

A través da figura do investigador Casto Sampedro «coñecemos un 153 % máis de melodías galegas»

09 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Ao comezar a falar parecía que na voz de Xabier Groba (Vigo, 1968) aínda repenicaba algunha pandeireta. O soño era ben sinxelo, «revitalizar o canto galego» a través das reliquias de Casto Sampedro (1848-1937), folclorista e investigador. Onte defendeu a súa tese doutoral en Compostela, O legado musical de Casto Sampedro: O canto galego de tradición oral, dirixida por Carlos Villanueva.

-¿Que motivos o levan a traballar nunha tese sobre Casto Sampedro?

-Era un traballo pendente. Cando empezo con Carlos Villanueva advertimos que había moito traballo inédito por estudar. Algún material da música da época perdeuse na tradición, pero había que intentar destripar como se formou.

-Fala, sobre todo, de cantos do século XIX, ¿cal era a importancia das recollidas nestes tempos?

-Naquel momento sistematizouse a recollida de música e pezas históricas. Casto Sampedro recollía música de tradición oral, pero tamén artellaba unha rede dun cento de colaboradores. Entre eles estaban unha serie de avogados, xuíces ou pintores da época que intercambiaban música con Sampedro.

-¿Podemos falar de descubrimentos interesantes?

-O caso máis interesante é o de Alejandra Murguía de Castro, filla de Manuel Murguía e Rosalía de Castro. Trátase dunha das colaboradoras do erudito da que se descoñecía o seu labor. Unha muller cunha gran memoria que gustaba moito da música e facía de intermediaria con Sampedro. Todo o que Murguía sabía de música era grazas a Rosalía e á súa filla.

-Na investigación vostede escolle 720 pezas para analizar, ¿de onde saían?

-Sampedro percorreu Galicia enteira, pero o foco articúlase no eixo Redondela, Pontevedra e Santiago, zonas que se dan moi ben á recollida. En total eran 126 concellos. E foron pasadas a papel antes de que se puidera dispoñer de medios de gravación sonoro, de aí a importancia.

-¿Que supoñen estes achados para o patrimonio cultural de Galicia?

-O que supón é que agora coñecemos un 153 % máis de melodías galegas silenciadas do século XIX e XX que volven estar en circulación. Podemos dicir que conseguimos revalorizar a música galega e poñela a disposición de novos investigadores, porque a música é unha arte viva. Xa lle gustaría noutros países ter a un Casto Sampedro.

XavIER gROBA Profesor de música