«Fai falta xente preparada para todo o que sucede no escenario»

manuel beceiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

O exrealizador dirixirá o primeiro Máster en Xiras Musicais e Espectáculos

04 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Recoñecido profesional galego no campo audiovisual e cunha longa traxectoria docente universitaria, Xaime Fandiño é o director do novo Máster en Xiras Musicais e Espectáculos que para o próximo curso comezará a funcionar na Universidade de Santiago (USC). Esta nova oferta docente recolle as demandas dun subsector, o da música e os eventos en directo, ben asentado na economía de Galicia e en claro ascenso no entorno internacional. Esta puxanza, por tanto, fai ver a necesidade de profesionais ben formados, polo que este máster universitario propón formar especialistas en tres disciplinas: son, iluminación e dirección artística, baixo a dirección de Xaime Fandiño.

-¿Era xa moi urxente a necesidade de por en marcha un máster dirixido a este subsector en Galicia?

-Si. En Galicia tradicionalmente hai uns circuítos, os das festas, que son importantísimos. Hai unha cultura pola que se paga e, por tanto, necesítase ter xente preparada para todo o que sucede no stage, no escenario. Queremos, pois, preparar xente con capacidade técnica en tres especialidades moi importantes: a dirección artística, que inclúe todo o que son as pantallas de vídeo; aparte da luz, con todos os conceptos básicos que hai que traballar (a luz robótica e todas as bases tecnolóxicas); e en son todo o relativo a unha presentación en directo. É un máster distinto aos que se ofreceron ata o momento, no que se utilizarán equipamentos. Xa estamos falando con todo o sector que se dedica ao espectáculo para involucralos. É un máster para dar unha saída regulada, máis universitaria, non só técnica senón conceptual.

-¿Estamos tan mal en Galicia en cultura e tecnoloxía do espectáculo?

-¿Vistes orquestras como Panorama?. Os músicos son impecables, pero quizás non teñen unha liña conceptual. A xente demanda outras cousas e hai que evolucionar cara a cousas espectaculares, si, pero que non sexa a parafernalia da cacharrada. Non hai cancións de verán nosas, dedícanse a cantar a La Pantoja. Non somos capaces de converter unha canción desa xente en número un. Esta é a filosofía deste máster. Produtores hai moitos, pero non ese perfil novo de xestor cultural.

-¿Cantos alumnos poderán formar parte dese máster e cando remata o prazo de matrícula e comeza o mesmo?

-O mínimo de alumnos é de 18 persoas nas tres especialidades. Ata o 20 de este mes está aberta a inscrición. Tiñamos pensado arrancar en febreiro pasado pero as cousas foron lentas, polo que se iniciará no comezo do próximo curso, en outubro.