Carpentier pendura da solapa de Neira Vilas

t.m. santiago / la voz

SANTIAGO

O escritor recibiu a medalla cubana que leva o nome do seu amigo

24 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Alejo Carpentier pendura dende onte da solapa do seu amigo Xosé Neira Vilas, o escritor que contou a vida de Balbino, o neno labrego e que se converteu no libro máis lido la literatura galega. O Consello de Estado da República de Cuba, por man do seu cónsul en Compostela, Alejandro Fuentes, entregoulle ao literato e xornalista a medalla que leva o nome dun dos grandes la literatura hispanoamericana, Alejo Carpentier, polo seu sobranceiro traballo durante os máis de 30 anos que residiu canda a súa dona en Cuba e por continuar estreitando os lazos que unen ambas patrias unha vez de volta na súa vila natal, Gres.

O paraninfo da Universidade encheuse onte de copias de Memorias dun neno labrego, agarimadas polas mans dos seus donos mentres Ana Chouciño, a directora da cátedra institucional Alejo Carpentier, facía unha semblanza da figura de Xosé Neira Vilas, o creador desa mesma cátedra no ano 1994, que tivo como primeira directora a Margarita Ledo, que tamén acudiu á homenaxe.

A intervención máis agardada polos asistentes foi a do propio Neira Vilas, que lembrou a súa amizade co escritor que lle dá nome á medalla. Rememorou esa dedicatoria que non paraba de repetir, «para Anisia y Pepe, los priscilianistas herejes», despois de que eles lle contaran que hai quen di que quen está soterrado na catedral de Compostela é Prisciliano e non o apóstolo Santiago. Anisia, a súa dona, colaborou moi estreitamente con Carpentier no espallamento da cultura en Cuba.

Estreitos lazos

Porén, Neira Vilas tamén tivo palabras para todos aqueles emigrantes galegos que axudaron a construír Cuba dos cascallos da ditadura, dende os intelectuais ata os mineiros. E sinalou que en Cuba se tocou por primeira vez o himno galego, que alí ondeou por primeira vez a bandeira galega. Que Cuba foi quen viu nacer a Academia Galega e que aínda conserva vocábulos saídos da nosa lingua.

«Recibo conmovido esta honrosa medalla», afirmou Neira Vilas, poucos días antes de que se fagan os corenta anos da súa chegada a Cuba, o 2 de xullo de 1961. En 1992 volveu a Galicia e regresou pouco despois inaugurar a cátedra de Cultura Galega na Universidade da Habana. Só un exemplo máis dos estreitos lazos entre Galicia e a súa «patria paralela», Cuba.