«Tentarei gobernar en sintonía con todas as forzas políticas»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

Di que non é mellor nin peor que o anterior rexedor, pero si distinto

19 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Avogado e especialista en Dereito Financeiro e Tributario, con despacho propio dende o 2003, casado, con dous fillos e a piques de cumprir 36 anos, Antonio Fernández Angueira fai unha paréntese na súa vida profesional para dedicarse, en corpo e alma, ao seu Concello, o de Padrón, logo da súa recente toma de posesión como alcalde.

-Era a primeira vez que se presentaba a unhas eleccións como cabeza de lista e o PP mellorou os resultados de hai catro anos, recuperando o goberno, ¿satisfeito?

-A verdade é que si. Teño que agradecer o apoio e o cariño que os veciños nos deron e que, finalmente, transformouse na posibilidade de facer un bo goberno para Padrón.

-O seu grupo mantivo contactos co PGD previos á súa investidura como alcalde. ¿Apoiarase neste grupo para manter o goberno, tendo en conta que é a fórmula máis directa para acadar a maioría?

-Tentarei apoiarme e gobernar en sintonía con todas as forzas políticas porque, finalmente, é toda a corporación a que representa ao pobo e, se entre todos facemos un bo goberno, mellor.

-O día da súa investidura prometeu traballo, esforzo e dedicación, algo que non se lle pode negar ao anterior rexedor. ¿Será suficiente para gobernar Padrón?

-Eu non son mellor nin peor ca o anterior alcalde, dende logo son distinto e espero gobernar poñendo todas as cualidades que poida ter, tanto eu coma o meu equipo de traballo.

-Son cinco edís para moitas áreas. ¿Cómo se organizarán?

-Estamos organizando o traballo de xeito que os veciños saiban exactamente a quen se dirixir. O antes posible presentaremos esa organización ao pleno de constitución do goberno.

-O conflito do lixo é a súa prioridade neste momento. ¿Xa se avista unha pronta solución?

-Estamos traballando en diferentes alternativas pero, a día de hoxe, o tema está enquistado. Se finalmente non hai posibilidade de arranxo de mutuo acordo, a solución terá que ser por vía xudicial.

-O anterior goberno deixou varias obras comprometidas, ben sexa con proxecto redactado, en tramitación, licitación... ¿Vai manter a liña de traballo?

-Dende logo non imos deixar de lado ningún proxecto beneficioso para Padrón e imos gobernar coa mirada cara adiante, non cara atrás.

antonio fernández angueira alcalde de padrón