A Festa da Troita convocou a 25.000 persoas en Oroso

santiago / la voz

SANTIAGO

A degustación gratuíta na Alameda de Sigüeiro foi un dos reclamos da xornada chea de actividades

09 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Festa de Troita de Oroso celebrou o día grande da quince edición desta cita anual declarada de interese turístico cunha participación estimada en máis de 25.000 persoas polos organizadores, malia os intensos chuvascos que caeron de forma intermitente e que o sábado obrigaron a suspender a sesión de fogos artificiais.

O motivo da festa era a troita e súa degustación gratuíta, o reclamo do día. Na Alameda de Sigüeiro repartíronse máis de cincocentos quilos, e unha cantidade moi superior nos 29 bares e restaurantes que se sumaron á iniciativa.

Os actos centrais foron contra o mediodía na carpa instalada na Alameda de Góis, en Sigüeiro, primeiro co pregón a cargo dos actores Tacho González e Patricia Vázquez nos seus papeis de Sindo e Lidia que interpretan na serie televisiva Padre Casares. A actuación deu paso á entrega de premios do concurso de pesca, no que os participantes capturaron 27 pezas, cun peso total de 4,066 quilos.

O gañador na categoría principal foi Antonio Andrade Sánchez, seguido de Fernando Iglesias Fernández e de José Ferro Lamela, que pescou a peza de maior peso, unha troita de 330 gramos. O primeiro clasificado do Concello de Oroso foi Roberto Espiñeira García, e completaron a clasificación Miguel Presa Souto, Carlos Maroño Fernández, Manuel Rodríguez Rey, Jesús Canicoba Francos e Rafael Gerpe Blanco.

O concurso infantil celebrouse no Carboeiro, malia que a Consellería de Medio Ambiente rexeitou liberar troitas neste río pequeno, como apuntaron dende o Concello, que salienta que as probas puidéronse facer igual, grazas á rexeneración que levou a cabo o Concello. O gañador foi Sergio Pérez Fandiño, e os catro seguintes clasificados Borja Gende Mirás, Marcos Caridad Cañizo, Borja Souto Rama e Rubén Otero Fuentes.

Festa do Melindre

As citas gastronómicas deste domingo tiñan en Melide un reclamo doce. Na Praza do Convento da vila celebrouse a Festa do Melindre, cun volume de ventas moi positivo, segundo o presidente da asociación Melide Doce, con arredor de 800 quilos dos famosos doces.