Non ten moito «tempo libre» así entendido e o pouco que ten dedícallo á súa profesión, a pasear cos seus tres cans polo monte, a ir ás foliadas, ao cine, ao teatro e a ver espectáculos de danza
06 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.| Quique Peón (A Coruña, 1963) adoita pasar o seu tempo libre «traballando coma un campión». Claro que iso non é tan mala cousa se a profesión que un ten é tamén a súa maior afección. Bailarín, coreógrafo, director do grupo de música e baile tradicional Xacarandaina dende o 1981 e da compañía de danza Quique Peón Cía, entre outras cousas, as horas que pode arrincarlle á súa paixón aprovéitaas para estar cos seus, coa familia, cos amigos. Tamén lle gusta «ir ao monte, facer sendeirismo, andar cos meus cans por aí». Ten tres: Mel, Ghendy (viría de Wendy, pero escrito e pronunciado con gheada) e Pituso.
Ese «por aí» refírese á zona de Oza dos Ríos, onde Quique reside dende hai uns anos. «Nacer nacín na Coruña, son cascarilleiro total, pero a miña casiña de Oza permíteme airearme moito. É como un pequeno ou un grande refuxio. Traballo moito nela. Onde eu vivo hai campo a mazo, ríos e montañas. Ves corzos, xabarís, paxaros de todo tipo». Polo entusiasmo co que fala, parece que Peón é dos que prefiren esa opción: «Para vivir gústame máis o campo, pero tamén son moito de cidade». Por proximidade, anda moito por Betanzos. Síntese «identificado» co lugar e, sinala, «ten un casco histórico moi bonito».
Cando non ten outra obriga, gústalle ir aos seráns ou foliadas que se van facendo e recuperando, dende hai uns anos, por Galicia adiante. Coma a de Cerqueda (Malpica), celebrada hai unhas semanas. «Nelas ves folclore na súa esencia pura. Porque o folclore non é tan só estar nun escenario nin é tan só arte escénico. E nas foliadas gózalo porque si, porque é noso, porque gusta», di. Se pode, vai ver os espectáculos de danza «que veñen á Coruña, incluso a Ferrol, a Santiago ou tamén a Vigo». Interésanlle, ademais, o cine e o teatro.
Con Ovay, de Quique Peón Cía, chegou ata Xordania. Recoñece que cada vez que sae ao escenario con ese espectáculo, o primeiro só de danza tradicional en Galicia, experimenta unha catarse.
Con Xacarandaina achegouse ata Portugal, Francia, Inglaterra, Italia, Alemaña, Austria, Ucraína, Hungría, Eslovaquia, Bos Aires ou Uruguai. El, que se move deste xeito, sen esquecer Madrid, Barcelona, Bilbao, Asturias ou Andalucía, considera que en en Galicia estamos «no curso de iniciación» para valorar o que temos. Música, baile, tradición e tantas riquezas. Queda moito por facer e son moitos tamén os proxectos que Peón ten a día de hoxe. A eles entrégalles moito do seu tempo «libre».
En Xacarandaina andan preparando un novo espectáculo, Galicien Amerika Line, sobre a emigración. Con Quique Peón Cía, logo de Ovay, están metidos de cheo dende hai dous meses na creación de A lenda croa, que tratará as fábulas das mouras, con sete bailaríns sobre o escenario. Con Radio Cos, grupo folk do que forma parte, ten previstas varias viaxes ao estranxeiro, andan preparando repertorio e intentando gravar un disco. A maiores, varías compañías de danza galega preparan o espectáculo Seis de catro, que estrearán en Costa Rica. E Quique anda polo medio. Traballo e afección, todo a un tempo.
O LUGAR
Oza dos Ríos (provincia da Coruña), onde Quique Peón vive dende hai uns anos, está preto da cidade de Betanzos e dentro da comarca deste mesmo nome.
ONDE TOMAR ALGO
Sempre que vaia a Betanzos, di Quique, «tómolle o café» no bar Lodeiro, situado, máis concretamente, «na zona dos soportais». Así que, sexa polo bo que está o produto ou sexa polo bo trato, Peón é un cliente fixo. «E se teño que quedar nalgún punto de Betanzos, sempre quedo aí».