«Canto máis ri o público ao comezo, máis chora ao final»

t. v. santiago / La voz

SANTIAGO

17 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A actriz ferrolana Marián Bañobre recala esta noite por segunda vez no Salón Teatro coa montaxe de Santiago Cortegoso A filla de Woody Allen, escrita e dirixida polo creador pontevedrés. Esta peza, «universal e para todos os públicos», supón non só unha viaxe física e xeográfica na busca da figura paterna descoñecida, senón tamén a loita espiritual dunha muller por atopar a propia felicidade.

Son setenta os minutos nos que Marián Bañobre encarna un personaxe que, segundo afirma a intérprete, «é unha esaxeración de min mesma. Eu tamén son hipocondríaca, aínda que non chego a semellantes extremos». O percorrido da hipotética filla galega do cineasta máis excéntrico adquire tons cómicos, melodramáticos e ata de puro drama. «Soe acontecer, cando a obra funciona, que canto máis ri o público ao comezo, máis chora ao final», recoñece a protagonista de A filla de Woody Allen.