Viaxe a un Caribe reinventado

Aberta aos escolares galegos a mostra da artista que prendeu no lenzo a luz de Cuba


Seguindo as pegadas de Frida Kahlo, Tarsila do Amaral e Maruja Mallo, visita Galicia a arte doutra gran creadora que soubo darlle ao movemento de vangarda a singularidade dun trazo. A peripecia vital de Frida, marcada por un accidente sufrido na infancia, está agochada tras o enigma que invitan a descifrar as súas pinturas, que teñen a respiración das baleas. Maruja, ese ser «metade anxo, metade marisco» -en palabras de Salvador Dalí-, deulle ao surrealismo a contundencia dun rostro mudo de muller, e Tarsila parece que pintase cos dedos, do mesmo xeito que se come unha froita de verán, deixando que agrome a linguaxe inmediata dos sentidos.

Dunha luz similar, se ben máis sutil, á que fica nas obras da artista de São Paulo están prendidos os lenzos de Amelia Peláez, e así pode constatarse na visita á exposición que vén de inaugurar Novacaixagalicia na sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña.

A primeira gran retrospectiva sobre a artista cubana que se exhibe en Galicia está composta por 56 pezas claves na produción plástica dunha pintora e escultora que pon en cuestión o adxectivo das naturezas mortas. Nesta arte en singular, mesmo o abstracto ten a concreción dun obxecto. A viveza de forma e color é un dos trazos que distinguen o talento de Amelia Peláez, quen quixo tender as vangardas europeas ao sol do Caribe, mesturando así o cosmopolita co nativo, con ese resultado deslumbrante que ten as máis das veces a mestizaxe e a fusión de opostos.

As obras incluídas nesta exposición, que ofrece visitas taller para escolares adaptadas ao seu nivel de estudos, son unha selección da colección que garda o Museo de Bellas Artes de La Habana e amosan case corenta anos de creación sen descanso.

Da soñadora man de Peláez e os seus pinceis máxicos emerxeron mulleres con aire desconcertado e rebumbios de flores e froitas que teñen o sabor dun Caribe reinventado á medida dos soños da infancia. A artista, que naceu en La Habana, viviu un tempo en París e volveu para Cuba a tratar de capturar o engado desa luz que queima a melancolía. A limpa luz que bota o día a andar.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Viaxe a un Caribe reinventado