Manuel Lourenzo: «Xa me sinto un 'curuñento' máis»

SANTIAGO

Di que non ten pensado por agora retirarse, que iso é cousa «da natureza», e que pasa todo o tempo que pode «na casa das diversións», o seu estudo de teatro

25 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O dramaturgo Manuel Lourenzo recibe en Casahamlet, o estudo teatral que montou xunto a Santiago Fernández no 98 e polo que acaban de recibir o premio Otero Pedrayo. «Hai que ter local propio para que non te podan botar», explica con sorna este polifacético dramaturgo, que recoñece que se lle van as horas de vagar en falar e apuntarse a tódalas propostas que parten dos usuarios da sala. «É a casa das diversións, temos moitos alumnos e estamos en constante evolución. Este ano está sendo máxico», relata. Comenta que «o teatro permíteche moverte, e a enerxía que se toma cos traballos cara ao público e como se tiveras moitas bolsas de osíxeno», a hora de defender por que non renuncia a subirse aos escenarios aos seus 68 anos. «Que me retire a natureza, eu non son partidario de facelo. Sería facerlle gastar cartos ao Estado, e ademais está a vitalidade que che dá un traballo que me enche e co que sempre estou en confrontación coa xente nova», explica case sen tomar folgos á pregunta de se pensa algunha vez chegar a xubilado.

Nado en Ferreira do Valadouro (Lugo), di que non lle chegaría un libro para escribir da súa terra, pero recoñece que xa se sinte «curuñento» (sic). «Descúbrome chamándolle neno aos alumnos de 40 anos», apunta ao tempo que ri da particular linguaxe dos coruñeses. O seu primeiro contacto coa cidade, onde pasa o seu tempo libre, foi aos 13 anos, cando o mandaron á Academia Galega a estudar. «Alí tiven profesores fundamentais como Miguel González Garcés ou Luis Seoane Rico, era como unha pequena Atenas e tamén atopei alí a Pancho Pillado, un amigo para toda a vida», relata, e explica que foi á volta de Alemaña cando, nos setenta, foi o impulsor do Teatro Independente Galego. A partir de aí unha prolífica carreira como tradutor, escritor, director teatral e profesor, e numerosos recoñecementos. Rexeita escoller unha soa faceta: «Unhas dependen das outras, e cando non había unha cousa facía outra», aínda que explica que por necesidade «perentoria» escribe a diario, e por necesidade física traballa coma actor. Infatigable, explica que traballa neste momento en dúas montaxes: Se non queres casar, o mesmo dá, con textos de Cunqueiro, e O fidalgo, unha obra de Otero Pedrayo.