Roberto Innocenti animará á lectura en Compostela

m. beceiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

O prestixioso e laureado ilustrador italiano participará na campaña que comeza o luns e dará unha conferencia

11 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Xosé Ballesteros, xerente de Kalandraka Editora, e a concelleira de Educación, a socialista Mercedes Rosón, presentaron onte a décimo primeira campaña de animación á lectura, que se desenvolverá dende o próximo luns ata o 30 de abril, con sesións de conta contos e obradoiros para escolares, xornadas formativas para o profesorado, exposicións, encontros con ilustradores e actividades abertas ás familias.

Creatividade

Para o xerente de Kalandraka, a campaña de animación á lectura realmente é un «canto á creatividade» que pretende «formar futuros cidadáns para que sexan imaxinativos, máis tamén críticos». A principal novidade desta edición, que ten por lema Contando e Cantando coa Familia C, en alusión á obra que no 2010 gañou o Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, é a presenza do prestixioso ilustrador italiano Roberto Innocenti, Premio Hans Christian Andersen, quen pronunciará unha conferencia o 7 de abril na Fundación Caixa Galicia. Mercedes Rosón resaltou a importancia da campaña, «xa consolidada», que considera «imprescindible» e «irrenunciable» na planificación municipal.