«A neta de Modesto Brocos ten en Brasil moita obra do artista»

Joel Gómez SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

Afirma que o prestixioso pintor, natural de Compostela, editou tamén en América un libro de ciencia ficción

06 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

A USC editou no 2010, en formato cedé, a tese de doutoramento de Antón Corbacho, defendida no 2009 na cidade, onde estuda o labor da inmigración galega no Brasil. Este vigués, docente da Universidade Federal de Goiás desde 1996, onde agora é editor da prestixiosa revista universitaria, encontrou importantes contributos de persoas relacionadas con Compostela naquel inmenso país.

-¿Que personaxe da cultura natural de Compostela destacou máis no Brasil?

-Quizá o pintor Modesto Brocos e o seu irmán Isidoro, que salientou tamén como pintor e ilustrador. De Modesto hai obra mesmo no Museu Nacional do Rio, e en América editou un libro de ciencia ficción, Viaje a Marte , que é unha crítica da situación política española. A neta de Modesto Brocos ten en Brasil moita obra deste artista, que morreu en 1936. Falei con ela, e di que varias veces lle quixeron comprar esa pinacoteca, que ela non quere vender.

-Supoño que tamén será ben coñecida Rosalía de Castro.

-Con certeza, aínda que o coñecemento de Rosalía foi importante sobre todo desde que se publicou a antoloxía da súa poesía realizada por Ecléa Bosi. Ese libro foi lanzado en 1966 pola editora Nós Galiza Ceive, que fundou José Velo, aquel galego que participou no secuestro do Santa María xuntamente co seu fillo Vítor. Tamén coñezo ao Vítor, quen me informou que o seu pai elaborou un prólogo para aquel volume rosaliano; porén, e por diversos problemas, o prefacio foi outro, asinado por Guilherme de Almeida, o que foi coroado como o cuarto «príncipe dos poetas brasileiros».

-¿En que outros ámbitos houbo presenza de santiagueses?

-No do xornalismo e no da edición. E aí destacaría, entre outros nomes, o de Pascual Núñez Arca: este santiagués foi representante das colonias españolas en São Paulo, en 1936 tiña tendencias profranquistas, e as circunstancias levaron a que defendese a República. Despois, en alianza con Luis Amador Sánchez, ex cónsul da República no Rio, fundou a editora Continental, que promocionou o hispanismo no Brasil. Publicaron, por exemplo, unha antoloxía de García Lorca e salientaban do andaluz o ser «trovador galego», polos seus poemas galegos.

-¿Hai moitos máis?

-Hai tamén persoas relacionadas con Santiago, non nativas, que tiveron actividade destacada no Brasil. É o caso de José Casais Santaló, ex profesor de Dereito na USC, cónsul da República en Chile, que ao se exiliar no Brasil publicou libros impactantes, sobre roteiros na selva brasileira ou sobre balnearios nese país. Entre eles é de interese Un turista en el Brasil .

-¿Era Brasil un país atractivo para a inmigración galega?

-Si que o era. En 1955 Antonio Meijide Pardo editou en Compostela o libro Brasil: la gran potencia del siglo XXI , que mesmo se reeditou, e que resultou profético; e esa potencialidade económica e cultural exerceu sempre un importante atractivo.