«Polo feito de ser da aldea un sente a necesidade de devolverlle algo do que lle debemos»

Profesor de Literatura no ensino medio ate que se xubilou, non deixou a súa actividade de investigador da cultura popular


santiago/la voz.

Manuel Quintáns Suárez non é de Santiago, «pero como se o fora, porque vin con dez anos para estudar no seminario e xa me quedei para sempre». Naceu na parroquia de Freixeiro, en Santa Comba, e fixo un percorrido vital e profesional no que transcende o seu amor á terra, porque está convencido de que, polo feito de nacer na aldea «un sente a necesidade, unha obriga, de devolverlle algo do que lle debemos, porque grazas aos primeiros anos da vida somos o que somos. E neste país a todos procedemos da aldea».

Para Manuel Quintáns foi decisiva a mestra que tivo na escola da súa aldea natal, Pastora González y González, irmá dos donos da desaparecida librería González. «Aquela mestra foi a miña nai espiritual, porque se empeñou en preparar aos catro ou cinco rapaces que lle parecían máis listos para optar a unha beca que concedían daquela para estudar no seminario, e así foi que vin eu facer o bacharelato». Defínese como un «auténtico defensor do ensino, non só porque foi a miña profesión, senón porque sei o que representou para min e outros rapaces dunha aldea moi humilde como a miña unha mestra, unha escola. En calquera caso, porque o acceso á educación é o que fai transformar e evolucionar a un país, a un pobo, á xente».

Quintáns Suárez rematou o bacharelato fóra do centro da Igrexa e fixo a carreira de Filosofía e Letras ao tempo que daba clases particulares. Resume dun tirón a súa traxectoria profesional, que empezou como profesor no colexio Manuel Peleteiro, «no que preparara o exame de estado que daquela se facía para rematar o bacharelato, e alí estiven preto de dez anos, ate que saquei as oposicións e tiven a miña primeira praza no instituto de Cee, do que ao cabo de dous anos me vin para o Eduardo Pondal de Santiago, no que fun profesor de Literatura ate que me xubilei».

A literatura mantívoo vinculado ate hoxe ao Peleteiro, porque preside o xurado de narrativa do certame literario Minerva desde o ano 69, «estiven presente en todas as convocatorias destes premios, que naceron por iniciativa de Avelino Abuín de Tembra, e polos que pasaron os mellores escritores que temos hoxe, polo que non se pode facer a historia da literatura galega sen contar con este certame».

Na vila mariñeira de Cee espertou a súa vocación de investigador no campo da cultura popular, «da que sempre fun un devoto e un defensor, pola que teño un amor, un cariño e un entusiasmo que naceu dese mundo, do contexto no que me criei». Alí empezou o seu labor de investigación nos ámbitos da tradición oral. En Cee sentíase moi identificado, «porque está na costa e a xente é máis aberta, pero xeograficamente é moi próxima á miña zona, e encontreime con que os rapaces tiñan un grave problema, que eu tamén tivera, que era que non sabían castelán».

Cultura popular

Conta que en COU tiña só tres alumnas, e que unha delas, «nunca falaba, non dicía nada nin entraba no diálogo. Ate que preguntei que lle pasaba e as compañeiras dixéronme que o problema era que non sabía falar castelán. E chegara a COU». Era profesor de castelán, así que ideou unha maneira de superar esa eiva «de chegar ao castelán pola vía do galego, e para iso lembrei que o padre Sarmiento dicía que o mestre tiña que coñecer os nomes galegos primeiro para poder ensinar castelán. Pareceume un principio pedagóxico fundamental, así que fixen que os rapaces trouxeran prantas ou cousas que non sabían como se chamaban en castelán». O mellor de todo foi que logrou que o Ministerio de Educación atendera a súa petición de magnetófonos para un proxecto pedagóxico, «e sorprendentemente mandaron vintetantos aparellos e unhas 200 cintas». A recolleita de contos, refráns, cantigas, remedios naturais e outras cuestións da tradición popular supuxo que Manuel Quintáns reunira unha verdadeira base de datos. Chegou a ter 30.000 fichas. Dese material tira agora para un libro sobre a menciña popular, de crenzas e remedios naturais. «Non se pode esquecer, non para recuperala, pero si para que non se perda unha sabedoría popular enorme».

O profesor Quintáns traballa na súa casa, pero tamén segue vinculado ao Centro de Investigación en Humanidades Ramón Piñeiro, ao que vai dúas tardes á semana para traballar no departamento de Literatura en estudos sobre a presenza da emigración galega no estranxeiro a traveso dos medios de comunicacións escritos». Neste punto lembra que a piques estivo de ser xornalista, unha vocación a que pensaba que debía dedicarse un gran amigo seu e compañeiro dos anos de Facultade, Manteiga Pedrares. «Xa tiña todo listo para irme a Madrid, porque conseguira unha beca para o colexio maior Cisneros por medio dun familiar relacionado co ministro de Educación Ruíz Jiménez, pero no verán cesou como ministro, así que seguín con Filosofía e Letras, pero sempre colaborei na prensa con artigos e colaboracións».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

«Polo feito de ser da aldea un sente a necesidade de devolverlle algo do que lle debemos»