Talía Teatro estrea unha sátira mordaz contra a xente con ansias de poder

M. Beceiro SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

15 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha divertida comedia de corte clásico, especialmente en vestiario e escenografía, construída para converterse nunha sátira mordaz contra a xente con ansias de poder, é o novo espectáculo que Talía Teatro estrea esta noite no Teatro Principal. A compañía galega, adapta Volpone , a obra orixinal de Ben Jonson -coetáneo de William Shakespeare e máis coñecido naquela época que o xenio de Stratford- escrita no ano 1606, un dos textos clásicos máis representados da época, versionado e dirixido por Roberto Salgueiro, representado por un elenco de once actores nunha proposta escenográfica e de vestiario moi fiel á orixinal.

Como ben destacou onte na presentación da obra a concelleira de Cultura, Socorro García Conde, estamos diante dun clásico moi de actualidade, que representa «a debilidade humana e as ansias de acumular poder e diñeiro», unha obra que fala da miseria humana e «do profunda que pode chegar a ser a estupidez do home cando deixa que a avaricia sexa o eixo da súa vida». O director Roberto Salgueiro, pola súa parte, salientou a aposta de Talía en tempos de crise por un espectáculo cunha custosa produción, con nove actores e na que ten moita importancia á escenografía e o vestiario.

Talía, segundo Artur Trillo, un dos nove actores e actrices que conforman o elenco de Volpone , quere que esta adaptación da obra de Ben Jonson «se converta nunha sátira mordaz, sobre todo contra esta xente que ten ansias de poder, de enriquecerse». E, dalgunha maneira, a obra mostra «unha galería de seres humanos moi animalizados, incluso chegando á identificación de certas persoas con certos animais depredadores como voitres, corvos, pegas, animais todos un pouco carroñeiros». Pero, sobre todo, engade Trillo, «queremos que sexa unha comedia moi incisiva e darlle certa actualidade por esta historia da corrupción, dos cartos, e que está tan de moda».