Os personaxes de Beckett somos nós

La Voz

SANTIAGO

14 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Aos personaxes de Beckett pásalles como a todo o mundo. Están perdidos nunha circunstancia que non acaban de recoñecer. Pode ser o desemprego ou un ERE, ou pode ser calquera outra que os deixa parcialmente impedidos.

Aos personaxes de Beckett pásalles como a todo o mundo. En lugar de tentar combater a circunstancia vólvense cara a dentro e tentan rebuscar na miseria da condición humana que cousas fan que se sintan menos incómodos. Non teñen para ir a Ikea e mercan no Centro Reto, pero non quedan contentos, porque teñen que convencer a os outros que aínda actúan peor. A pesar do dito, Beckett non era un escritor moral. Foi un científico que investigou a condición humana contemporánea. Tivo a audacia non sei se política, de entender que por moita rebelión de masas que se dera a condición fundamental do individuo era a soidade egocéntrica: estar sos mentres conseguimos que os demais fagan o que queremos. Tampouco hai que botarlle a culpa ao mensaxeiro. Polo menos, neste caso, o Premio Nobel tiña sentido.

Obrigados a manobrar

Aos personaxes de Beckett pásalles como a todo o mundo: cada un deles ten a súa pexa e está obrigados a manobrar con ela. Porque forma parte da condición humana converter os defectos en sinais de identidade. E a identidade pasa por ser unha virtude aínda que se converta nunha cabra desfilando diante dun rei. Pero na condición humana debería estar discernir que é máis ridículo e, ademais, actuar en consecuencia.

Aos personaxes de Beckett pásalles en Fin de partida como a todo o mundo e séntense no último chanzo dunha escada na que xa non é posible descender máis. Realmente deben ter esa sensación e déixanse dominar por ela aínda que como non coñecen a circunstancia non poden saber exactamente onde están. Séntense derrotados e esa sensación tamén forma parte da condición humana. Porque os ricos tamén choran e seica John Lennon padeceu bastante por máis que o 80% da humanidade tería cambiado o seu papel polo del, morte incluída.

Perspectiva limitada

Aos personaxes de Beckett pásalles como ao resto do mundo. Teñen a perspectiva limitada e vólvense en contra do que coñecen porque confunden a verdadeira natureza do inimigo. Revólvense entre eles lamentado a súa circunstancia ou a súa dependencia. Ignoran que as derrotas nunca son inevitables ata que se aceptan como tales. E que todos somos máis parecidos que diferentes. Aos personaxes de Beckett pásalles como ao resto do mundo porque os personaxes de Beckett somos nós.